Antón Santamarina, Premio Porteiro Garea polo seu papel esencial na normalización da lingua galega
Catedrático emérito da USC e membro da Real Academia Galega, é unha das figuras de referencia da lingüística galega contemporánea.
O xurado defi´neo como "unha das figuras máis destacadas da lingüística galega contemporánea"

Antón Santamarina, Premio Porteiro Garea 2026. / RAGC
L.Rey
Antón Santamarina Fernández, catedrático emérito de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago (USC), é o gañador do Premio Porteiro Garea na súa novena edición. Reunido o pasado 9 de xullo, o xurado decidiu por unanimidade concederlle o premio a “unha das figuras máis destacadas da lingüística galega contemporánea que xogou un papel esencial no coñecemento do estado da lingua galega e das súas variantes, e tamén no establecemento da súa forma culta actual”.
Especializado no eido da lexicografía, a actividade investigadora do profesor Santamarina abrangue tamén a gramática, a sociolingüística, a historia da lingua, a etimoloxía, a toponimia, a dialectoloxía e a didáctica. A súa extensa actividade investigadora foi outro aspecto a destacar polo xurado, que estivo presidido pola reitora Rosa Crujeiras e composto ademais pola vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana Iglesia; o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala; Elena Freire Paz, representante da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro; e Marta Irene Lois González e Mar Pérez Fra, representantes das comisións de normalización lingüística dos campus de Santiago e Lugo, respectivamente.
Co Premio Luís Porteiro Garea a USC distingue a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da propia universidade compostelá que contribuíran á normalización da lingua galega na propia USC.
Biografía de Santamarina
Santamarina foi fundador e tamén director do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago. Dende o ano 1998 é membro da Real Academia Galega, onde coordina o seminario de Onomástica, e foi tamén secretario do Consello da Cultura Galega (1976-1991) e dirixiu a revista Verba. Anuario galego de filoloxía (2010-2012).
É ademais coautor do Atlas Lingüístico Galego e responsable, xunto con Manuel González González, do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (1989), o VOLGa, que estableceu o corpus léxico sobre o que se basean a práctica totalidade dos dicionarios galegos actuais. Tamén codirixiu o Dicionario da Real Academia Galega e foi o editor do Dicionario de dicionarios (2003), que permite consultar simultaneamente todas as definicións dunha palabra ao longo do tempo nos diversos dicionarios publicados en lingua galega. Dirixe así mesmo o Tesouro Informatizado da Lingua Galega, TILG, que compila as entradas de máis de tres mil documentos en galego entre 1612 e 2013, cun total de trinta catro millóns de formas gráficas.
Antón Santamarina é ademais coautor, canda Dorothé Schubarth, do Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié, 1984-1988). Esta obra en sete volumes, considerada o máis amplo repertorio da música popular de tradición oral do país, reúne pezas recollidas en máis de cen lugares de fala galega pola musicóloga suíza entre 1978 e 1983. A colección mereceu o premio da Crítica Galicia na categoría de Música (1985).
- Un gallego licenciado en la USC, nuevo presentador de ‘Directo al grano’ tras la llegada de Gonzalo Miró a ‘Malas Lenguas’ en sustitución de Jesús Cintora
- Muere Luciano Pérez Villar, 'Chano', histórico referente de la hostelería compostelana
- Denuncia que cierran en Santiago su ciclo de FP a un curso de terminar sin darle opciones
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”
- La heladería que conquista a los peregrinos de Santiago con un sabor único en el mundo: 'Tenemos que reponerlo dos veces a la semana
- La lluvia desata una mañana caótica en Santiago y Oroso: tres accidentes con dos vehículos volcados en menos de una hora
- Radiografía de las nuevas conexiones internacionales de Lavacolla: ¿por qué Roma y Varsovia?