Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O CiQUS recibe o sello María de Maeztu: "Permitiranos consolidarnos como un referente internacional na investigación química"

O director científico do centro, Diego Peña, recolleu o distintivo das mans da ministra Diana Morant nun acto celebrado na Universitat Politècnica de València

Equipo do CiQUS xunto á reitora da USC e o secretario xeral de Universidades despois de recoller a acreditación María de Maetzu

Equipo do CiQUS xunto á reitora da USC e o secretario xeral de Universidades despois de recoller a acreditación María de Maetzu / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

L.R.

Santiago

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago recibiu este luns a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, concedida pola Axencia Estatal de Investigación (AEI), nun acto institucional celebrado na Universitat Politècnica de València e presidido pola ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant.

Así, o CiQUS súmase ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), os outros dous centros da USC que contan co sello de excelencia María de Maeztu.

A acreditación foi recollida polo director científico do CiQUS, Diego Peña, das mans da ministra. En representación do centro asistiron tamén o director adxunto, Martín Fañanás Mastral; os investigadores principais Dolores Pérez Meirás e José Luis Mascareñas Cid, e a responsable de Xestión Estratéxica, Almudena García Fernández. A cerimonia contou así mesmo coa presenza da reitora Rosa Crujeiras; do secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; e de Irene Bonome, subdirectora de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria.

Diego Peña, director do CiQUS, posa co recoñecemento na man, xunto á ministra Diana Morant e outras autoridades.

Diego Peña, director do CiQUS, posa co recoñecemento na man, xunto á ministra Diana Morant e outras autoridades. / Cedida

A acreditación María de Maeztu distingue as unidades de investigación que destacan polo impacto e liderado internacional da súa actividade científica, tras un esixente proceso de avaliación realizado por un comité científico independente. Cun financiamento aproximado de tres millóns de euros para os vindeiros catro anos, este recoñecemento permitirá ao CiQUS impulsar o seu plan estratéxico, reforzar a captación e formación de talento investigador, ampliar as súas capacidades científicas e fortalecer a súa proxección internacional.

A acreditación ten unha vixencia de seis anos

"Esta acreditación supón un recoñecemento ao traballo desenvolvido durante os últimos anos, pero, sobre todo, unha oportunidade para mirar ao futuro con maior ambición. Permitiranos impulsar proxectos máis ambiciosos, acelerar o desenvolvemento do plan estratéxico do centro e seguir atraendo talento para consolidar o CiQUS como un referente internacional na investigación química", destaca Diego Peña.

Entre as principais liñas de actuación que impulsará este recoñecemento figuran o fortalecemento dos programas de formación e mobilidade para investigadores novos, a atracción de novo talento internacional, o reforzo da estrutura de apoio á investigación e o desenvolvemento de novas capacidades científicas e infraestruturas que permitan ao centro seguir medrando e abordar desafíos cada vez máis complexos desde a química, a bioloxía e a ciencia de materiais.

A acreditación María de Maeztu terá unha vixencia de seis anos e permitirá ao CiQUS integrarse na Alianza SOMMa (Severo Ochoa & María de Maeztu Alliance), a rede que reúne os principais centros e unidades de excelencia científica de España e que promove a colaboración, a internacionalización e o fortalecemento do sistema de I+D+i.

Tracking Pixel Contents