Entrevista | J. Santoro Mestre en La Salle e escritor
O mestre de La Salle que escribe para os máis cativos: "Prefiro que os nenos se acheguen voluntariamente á lectura"
'El superchute de Enzo' é a súa creación literaria para os máis cativos, iniciadora da colección 'Monstruoso Fútbol Club' da editorial Carambuco, da que en setembro chega 'Zombinho: un delantero de ultratumba'

O mestre J. Santoro inicia con 'El superchute de Enzo' a nova colección infantil de Carambuco / cedida

No final do curso, J. Santoro presentou na Librería Follas Novas El superchute de Enzo, unha historia publicada con Carambuco que inicia a colección 'Monstruoso Fútbol Club'. Para este mestre de primaria no colexio La Salle de Compostela, o achegamento dos máis cativos á lectura debe ser voluntario, sobre todo porque "lles gustan as historias e ílas descubrindo pouco a pouco". O verán pode ser un boa época para ese achegamento.
Que tal foi a presentación de El superchute de Enzo en Follas Novas?
Pois moi ben, pasamos un anaco moi divertido e moi agradable pese ás altas temperaturas. Agradezo moito a todas as familias que se achegaron até alí.
Como foi ese contacto, sobre todo cos nenos e coas nenas?
Como son mestre de primaria estou moi afeito pero é certo que é un ámbito totalmente diferente no que interactuamos de maneira especial. E vivir para eles tamén ese contacto cun escritor é algo moi novidoso e emocionante.
Ser mestre facilita a conexión co pensamento dos nenos, non só con aquel a quen lle gusta ler senón tamén coa súa forma de expresarse?
Si. Ao final, pasar o día rodeado de nenos e nenas, tanto no meu traballo coma na casa, porque teño fillos, fai que manexe con naturalidade o seu vocabulario, non me custa adaptarme á súa linguaxe e ademais, pasar tanto tempo con eles permíteme coñecer de primeira man os seus gustos, os seus intereses, os seus xogos e todas as modas que van xurdindo no seu día a día.
Como chega á literatura ou que é o que o leva a decidir escribir o primeiro libro?
Comecei a escribir cando empecei a traballar como mestre, pouco a pouco, escribindo textos moi sinxelos para traballar na clase situacións moi concretas e funlle collendo o gusto. Foi un descubrimento espontáneo. Despois fun a textos máis longos e máis complexos e este é o meu segundo libro e virán outros dous, como mínimo, dentro desta mesma colección de Carambuco, ‘Monstruoso Fútbol Club’, que chegarán a partir do mes de setembro.
Hai moita diferenza entre o traballo que fai na clase e poñerse a escribir literatura infantil?
Si, moita. A verdade é que ten pouco que ver. O feito de escribir, a min axúdame porque complementa un pouco o meu traballo, unha parte fundamental da miña docencia, xa que ten moito que ver coa competencia de escribir. Entón, poder crear os meus propios textos creo que profundiza no meu labor docente.
Cal é a disposición dos nenos de primaria á hora de achegarse á lectura? Teñen un interese previo ou hai que captalos?
A miña percepción é que os nenos, en xeral, están abertos á lectura e, coma en case todos os aspectos da súa personalidade, os gustos son moi variados, polo que son partidario de que cada neno se achegue dunha maneira voluntaria, que teña iniciativa propia para ir a buscar os seus propios libros a unha biblioteca, a unha libraría. Hai boas iniciativas e actividades para que os nenos se acheguen, porque lles gustan as historias, que lles conten contos e ir descubrindo eles pouco a pouco as historias.
Gustaríame, coma se estivésemos na presentación, que nos contase en que consiste esta primeira aventura de 'Monstruoso Fútbol Club', El superchute de Enzo?
O 'Monstruoso Fútbol Club' é unha colección de libros para primeiros lectores (de 6 a 8 anos), moi divertida, que conta a historia duns monstruíños aos que o profesor de Educación Monstruofísica lles ensina a xogar ao fútbol. Eles nunca escoitaran falar deste deporte e pouco a pouco van descubrindo que as súas habilidades máxicas e os seus poderes especiais son moi útiles neste novo deporte.
Axencia máxica de detectives é a súa primeira obra, como foi esa experiencia?
Axencia máxica de detectives, da editorial O que leo, é unha historia para lectores un pouco máis competentes que El superchute de Enzo, neste caso entre 8 e 10 anos e está escrito en galego. É unha edición exclusivamente en galego e tamén a presentación que fixemos aló por marzo foi moi divertida. Nas presentacións tento facer unha dinámica centrada nos nenos para que non se trate de escoitar un rollo e se lles faga pesado, tento sempre crear un xogo, unha actividade para que poidan coñecer o libro, aproximarse a el dunha maneira máis lúdica.
Que resposta, que feedback, está a ter entre a cativada sobre estes dous primeiros libros?
O feedback, de momento, é moi satisfactorio. Son dúas historias que os divirten moito, son fáciles de ler e a maioría quere saber cando sairá o seguinte, o que é moi bo sinal.
E, daquela, cando sairá o seguinte libro?
Os seguintes son Zombinho, un delantero de ultratumba que é unha personaxe nova dentro da saga de 'Monstruoso Fútbol Club', un dianteiro supertalentoso que chega do Brasil. Na terceira historia da colección as personaxes terán que resolver un misterio cuns balóns de pedra. Deste último libro aínda non temos data de presentación ou de saída do prelo, pero Zombinho, un delantero de ultratumba sairá no mes de setembro, que será cando retomemos a presentacións tanto en Santiago, noutras cidades de Galicia e fóra dela.
- Un gallego licenciado en la USC, nuevo presentador de ‘Directo al grano’ tras la llegada de Gonzalo Miró a ‘Malas Lenguas’ en sustitución de Jesús Cintora
- Muere Luciano Pérez Villar, 'Chano', histórico referente de la hostelería compostelana
- Denuncia que cierran en Santiago su ciclo de FP a un curso de terminar sin darle opciones
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”