Impostos municipais
O PP de Santiago aposta por empregar a ferramenta Bizum para o pagamento de taxas
Esta iniciativa, destinada a facilitar a relación coa Administración local, súmase a pagar a provedores en menos de 20 días

O líder do PP de Santiago, Borja Verea / cedida
O líder do PP de Santiago, Borja Verea, presentou este luns unha nova proposta destinada a facilitar a relación da cidadanía co Concello: incorporar Bizum como sistema de pagamento e cobramento municipal para taxas, actividades e servizos.
"Hoxe damos un paso máis", explicaba Verea, que nas últimas semanas presentou diversas iniciativas programáticas para mellorar a vida das familias (con posibilidades especiais de estacionamento nas proximidades dos colexios, por exemplo) e tamén a relación da cidadanía coa Administración local. "Se nas últimas semanas falabamos de facer máis sinxela a vida das nais e dos pais, agora queremos facer tamén máis fácil a relación de todos os composteláns coa súa Administración", recalcou.
O voceiro do PP lembrou que a semana pasada presentou o compromiso de que, se é alcalde, o Concello de Santiago pagará aos seus provedores en menos de vinte días e, nesta ocasión, explicou, unha proposta que se centrase en modernizar a relación da administración coa veciñanza.
Pese a poñer en valor o traballo dos empregados públicos dos que destacou o seu "compromiso e profesionalidade", apuntou que "demasiadas veces seguimos facendo perder o tempo á cidadanía con procedementos pensados para outra época". Por iso, e co obxectivo de modernizar a administración, o líder do PP incidiu en que "hoxe en día calquera persoa utiliza o teléfono móbil para facer unha transferencia, mercar unha entrada ou pagar unha cea, mentres que cando se relaciona co Concello segue atopando en procedementos lentos e complexos".
"Queremos un Concello onde pagar unha taxa sexa sinxelo", asegurou Borja Verea, que para avanzar neste modelo propón incorporar Bizum como novo sistema de pagamento e cobramento municipal. "Deste xeito, un veciño poderá aboar unha taxa, unha actividade deportiva, unha escola infantil ou calquera outro servizo municipal coa mesma facilidade coa que realiza centos de operacións na súa vida diaria", afirma.
Verea lembrou que numerosas administracións públicas xa implantaron este sistema con bos resultados.
En relación con isto, a voceira do goberno local, Míriam Louzao, respondeu ás preguntas da prensa asegurando que dende o executivo "estamos a facer un esforzo, avanzando na implantación da administración electrónica", como xa anunciou a pasada semana o edil de Facenda, Manuel César.
"Dentro disto, seguiremos traballando tamén na forma en que a cidadanía poida facer os pagos e, nun futuro, seguramente o Bizum poida ser unha das fórmulas" que se implante para modernizar a administración.
"As eleccións van de decidir que futuro queremos para Santiago"
Preguntado pola presentación dos candidatos das distintas formacións políticas ás eleccións municipais, Borja Verea expresou o seu respecto por todos eles e desexoulles "toda a sorte do mundo". "Todos defenderán con lexitimidade o seu proxecto e iso sempre é positivo para a democracia", sinalou.
O líder popular considerou, con todo, que os próximos comicios "non van realmente dos nomes, senón de decidir que futuro queremos para Santiago". Ao seu xuízo, os composteláns terán que escoller entre "continuar co mesmo espazo político que leva gobernando a cidade durante os últimos doce anos, aínda que cambien os candidatos", ou "abrir unha etapa nova cun cambio tranquilo".
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”
- La heladería que conquista a los peregrinos de Santiago con un sabor único en el mundo: 'Tenemos que reponerlo dos veces a la semana
- Una panadería de Santiago se cuela entre las mejores de España: 'Empecé vendiendo hamburguesas en Venezuela
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo