Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Crise habitacional

Santiago aumenta o seu parque residencial protexido con 13 novas vivendas no barrio de Vidán

Unha nova construción do Grupo Taboram vai dar lugar a 67 residencias das que o 20% terá protección

O proxecto terá un mes exposición pública

Na parcela do antigo Peleteiro hai tamén reserva dun mínimo do 45% do construído para vivenda protexida

Na parcela do antigo Peleteiro hai tamén reserva dun mínimo do 45% do construído para vivenda protexida / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A xunta de goberno local deste luns vén de aprobar un proxecto de urbanización que, pese a non ser unha iniciativa pública, redundará no incremento das vivendas protexidas da cidade, reservando para tal uso un 20% do edificado. Trátase dunha parcela do Muíño de Vidán (SUD-11), promovido polo Grupo Taboram, que vai edificar nun ámbito de 23.850 metros cadrados situado ao sur da avenida da Mestra Victoria Míguez.

O plan parcial de 2014 define unha edificabilidade total de 9.492 metros cadrados construídos: 3.322 de uso comercial e 6.170 de uso residencial, dos que 1.234 deben ser para vivenda protexida (o 20%), e que dará lugar á reserva de 13 residencias con protección, do total de 67 vivendas previstas. A composición desta nova construción explicouna en rolda de prensa a voceira do goberno, Míriam Louzao, que sinalou que «en número de vivendas, o plan parcial prevé 12 vivendas unifamiliares e 55 vivendas en edificio».

O proxecto de distribución foi aprobado, definitivamente en 2024, e foi aí cando se estableceu unha cesión obrigatoria do 19,11% do aproveitamento dunha das parcelas (a destinada a vivenda colectiva e usos terciarios), onde se localiza a reserva obrigatoria de vivenda protexida de 1.234 metros cadrados construídos.

Segundo indicou a edil, «o proxecto de urbanización concreta agora espazos públicos, conexións de servizos, alumeado público e xardinería» e conta cunha participación do Concello nos gastos de urbanización dun 5,48%, cun custo provisional estimado de 75.088 euros dun total de 1.370.233.

Louzao aclarou tamén na súa intervención que a edificación se repartirá en dúas faixas paralelas á avenida Mestra Victoria Míguez, «con acceso dende esta e escalonadas para salvar o forte desnivel que existe». Detrás desta área haberá vía de acceso ás 12 vivendas unifamiliares pareadas que se sitúan na parte baixa antes da zona verde e o antigo camiño peonil da Codeseira de Vidán integrarase na zona verde que bordea o río Sarela. Con todo o proxecto vaise someter agora a exposición pública, polo prazo dun mes, logo da súa publicación do BOP –Boletín Oficial da Provincia–.

Pulo á vivenda de protección

Estas 13 vivendas protexidas que verán a luz no barrio de Vidán súmanse a outras iniciativas autonómicas e municipais que buscan incrementar a oferta de vivenda a prezos asequibles para paliar, dende as administracións públicas a crise habitacional que afecta ao conxunto do Estado e, por tanto, tamén a Galicia e á súa capital, Compostela.

Unha destas iniciativas son ás máis de 3.000 vivendas que a Xunta de Galicia ten proxectadas na zona de Mallou, o que se coñece como Ensanche Norte, e que dará residencia a uns 8.000 veciños. Neste caso, do total de 3.609 vivendas, o 80% delas terá algún tipo de protección.

Con este proxecto, do que se prevé que en outubro se presente o PIA (Plan de Interese Autonómico), búscase «coser» as zonas urbanizables localizadas entre o Cruceiro da Coruña e As Cancelas para dotar a cidade dun maior parque inmobiliario. Neste caso de titularidade autonómica.

Outro dos proxectos que vai contemplar a existencia de vivenda de protección, cun mínimo do 45% das vivendas construídas, é o da antiga parcela do colexio Peleteiro. Unha vez desbloqueadas as negociacións, entre o Concello de Santiago e Sareb (sociedade de xestión do Goberno estatal), para o tipo de edificación e usos desta parcela, a superficie edificable reduciuse de 23.000 metros cadrados a 19.000, con apertura á rúa República Arxentina e con baixos para usos comerciais, sen lecer nocturno.

A terceira das iniciativas para incrementar o parque de vivendas de Compostela que xa está en marcha, neste caso centrado en residencias de promoción pública é exclusivamente local: a rehabilitación de cinco edificios de titularidade municipal na rúa da Caramoniña. En 2025 o goberno local facía público este concurso do que saiu adxudicataria Estar Arquitectos e que no prazo de dous anos dará lugar a nove novas vivendas de promoción.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents