Entrevista | Iago Lestegás Concelleira de Vivenda e Urbanismo de Santiago
Iago Lestegás: «A vivenda protexida ten que manter a protección sempre, porque se fai con recursos públicos»
As obras nas vivendas municipais da Caramoniña poderán dar comezo en 2027
No outono coñecerase a proposta gañadora para o conector central

O concelleiro de Vivenda e Urbanismo, Iago Lestegás / Santiago Esturao

O concelleiro Iago Lestegás recibe a EL CORREO GALLEGO no edificio de Urbanismo (Casas Reais) para abordar a situación da vivenda en Santiago e as medidas que xa puxo en marcha o goberno local de camiño a paliar esta crise dende as limitadas competencias municipais. Mercar, alugar, rehabilitar e sacar ao mercado vivenda protexida son as principais liñas do departamento que lidera este arquitecto e que en materia urbana ten como proxecto estrela transformar o conector central, da Senra a San Caetano.
Unha parella moza busca mercar vivenda en Santiago. Que lles di? Paga a pena tentar ou é mellor buscar nos arredores?
Por suposto que paga a pena tentalo, porque, ademais, nos arredores a situación non é moi diferente. Entre o primeiro trimestre de 2025 e o mesmo período do 26, o prezo medio de compra-venda dunha vivenda libre en Santiago aumentou un 13,4%. En Galicia un 13,3%. Segundo datos oficiais do Ministerio, en España, a porcentaxe é do 13,9. O problema da vivenda non é exclusivo de Santiago, é un problema global e cada municipio ten as súas particularidades, pero non é un problema exclusivamente local, polo tanto, tampouco se pode abordar só dende o municipal, é necesario abordalo a outra escala.
"En Santiago hai uns 1.950 demandantes de vivenda protexida e 700 quérena en aluguer"
En relación co alugueiro, canto pode mellorar a situación coa regulación das VUT e coa declaración de zona tensionada?
No alugueiro os datos mostran que tamén é un problema global. Falamos dun incremento entre 2024 e 25, segundo datos oficiais, do 6,2% en Santiago e do 7,7% en Galicia. A declaración de zona residencial tensionada vai permitir conter o prezo do alugueiro. Apostamos por esa medida, porque o alugueiro se converteu nunha fonte de desigualdade. Todo o que estamos facendo de inspección, de ordear a suspensión de actividades ilegais, sancionar pisos turísticos, está producindo un transvase significativo de inmobles do mercado turístico ao residencial, pero os prezos aínda son inasumibles. Que sexan asumibles vaino permitir a declaración de zona residencial tensionada.
Como está a funcionar o servizo de asesoramento do aluguer?
Moi ben. Temos datos do primeiro mes de funcionamento deste servizo que se puxo en marcha o 15 de xuño. Atendéronse 74 consultas a través de tres canles: 33 foron telefónicas, 22 por email e 19 presenciais. O motivo principal das consultas é a declaración e as súas implicacións prácticas. Dende o punto de vista dos inquilinos, son sobre todo dúbidas sobre prórrogas extraordinarias, incrementos abusivos de rendas... E por parte dos propietarios, moitas consultas sobre que prezos poden poñer nos contratos e tamén sobre os beneficios fiscais, que se prevén no IRPF para alugueres en zonas de mercado residencial tensionado.

O concelleiro Lestegás durante a conversa con EL CORREO GALLEGO / Santiago Esturao
O goberno local pula pola vivenda protexida: Caramoniña, a reserva de 45% na parcela de Peleteiro, a Xunta en Mallou...
Son cousas que están agora mesmo en marcha. En Caramoniña temos o proxecto básico dende esta semana, temos que avalialo e levalo á comisión asesora e despois hai dous meses para facer o proxecto de execución. Conto con que no outono estea e poder iniciar a obra en 2027. Hai outros ámbitos que teñen algún procedemento de execución urbanística inicial, coma o de Vidán, cuxo proxecto aprobamos esta semana, e hai outros que se está preparando, onde hai 10 ámbitos para 638 vivendas, 104 delas protexidas. Temos solicitadas licenzas para construír 195 vivendas en edificios de vivenda colectiva de nova planta e desas 195, 70, o 36%, serán protexidas. En breve vanse solicitar licenzas para 101 vivendas protexidas nas parcelas que mobilizamos, e está tamén Mallou, cun 20% de promoción pública e un 60% de protección autonómica. E nunha fase máis inicial está a adquisición de edificios en desuso na cidade histórica, ao que destinamos 3 millóns de euros.
A crise da vivenda está no debate público, e convive con temas como «prioridad nacional» ou «la paguita». Neste contexto, como se evita que se embarre algo tan básico coma a vivenda de protección?
Lin en Instagram algúns comentarios que eran duros, tristes, cando anunciamos accións sobre vivenda protexida. É terrible. Se vemos, por exemplo, Viena, levan cen anos facendo unha política de vivenda protexida moi estable. Aquí falta esa estabilidade. Viena aposta pola vivenda pública, con protección, á que poden acceder diferentes grupos sociais, unha vivenda inclusiva e heteroxénea. Na vivenda protexida autonómica hai tres réximes: especial, xeral e concertado, cada un dirixido a grupos de ingresos diferentes. Pero a reflexión que temos que facer é: «Por que España e Galicia teñen un parque de vivenda protexida tan escaso?». Pois porque a que se fixo se evaporou. Entre 1962 e 2020 construíronse en España 5,7 millóns de vivendas protexidas, o 31,5% do total dese período, pero a maioría delas ou perderon ou van perder esa protección nos próximos anos. Apostouse por unha vivenda protexida con data de caducidade, pero non hai que buscar culpables, o debate está noutro lado: «Como se fai a vivenda protexida? E onde se fai?». Queremos vivenda protexida no centro, non só na periferia, para que tamén sexa inclusiva. A vivenda protexida ten que selo sempre, porque se fai con recursos públicos. E na miña opinión toda a vivenda de promoción pública se debería dedicar ao alugueiro. De feito, dos 1.950 demandantes de vivenda protexida que hai inscritos en Santiago, 700 piden promoción en alugueiro.
En 2025 definía o modelo de cidade que buscaba como: compacto, verde e inclusivo... Isto último non debe implicar, tamén, menos coches?
Cando falo de inclusivo falo de vivenda asequible, de servizos próximos, incluído o comercio de proximidade, que non teñamos que coller o coche para ir a un polígono facer a compra. Coma no modelo de Estados Unidos, no que xa se está a falar de ‘desertos alimentarios’, en relación a eses ámbitos residenciais monofuncionais nos que hai que facer quilómetros para ir á compra. O coche inflúe máis na cidade compacta, con distancias pequenas e zonas de esparcemento, unha cidade na que non é necesario o uso de medios motorizados, porque o espazo público ten moitas funcións, non só a de circulación.
Pero como se xestiona toda esa xente traballadora que acode a Santiago?
Ese é o problema, porque nós podemos mellorar a circulación dentro da cidade mellorando o sistema de transporte urbano, que é o que imos facer, pero se non mellora o sistema de transporte metropolitano e o de transporte público galego non imos reducir o número de coches que entran na cidade cada día, e os sistemas de transporte metropolitano e galego son moi mellorables. Moitos coches que acceden pola mañá á cidade non teñen outra forma ou unha oferta con horarios razoables. Isto pode mellorarse pero non depende de nós senón da Xunta, é supramunicipal, pero entendo que é unha cuestión complexa.
"A declaración de zona residencial tensionada vai permitir conter o prezo do alugueiro. Apostamos por esa medida, porque o alugueiro se converteu nunha fonte de desigualdade"
Que hai do conector central? En que punto está?
É un proxecto que me ilusiona moitísimo. Estamos deseñando a Compostela das próximas décadas, algo moi importante que creo que era moi esperado, a xente quería que se abordase este problema e creo que non se abordou até agora por falta de valentía, porque todo o que ten que ver co espazo público, coa circulación dos coches, xera sempre algo de tensión. Agora o concurso está na segunda fase, con cinco equipos traballando nos seus proxectos, unha segunda fase que remata o 5 de agosto. Aí entregaranse os cinco anteproxectos e despois tense que xuntar o xurado. No outono teremos a proposta gañadora e aí faremos unha exposición cos proxectos para que a xente coñeza o que se vai facer: son 46.000 metros cadrados no centro da cidade e case todo dentro da cidade histórica, non se pode executar todo xunto. A previsión é actuar na Praza de Galicia e no primeiro tramo da Virxe da Cerca. É necesario reconfigurar o espazo da Praza de Galicia, non pode seguir funcionando coma unha rotonda, é o nexo entre o Ensanche e a améndoa, é unha articulación esencial en Santiago.
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”
- La heladería que conquista a los peregrinos de Santiago con un sabor único en el mundo: 'Tenemos que reponerlo dos veces a la semana
- Una panadería de Santiago se cuela entre las mejores de España: 'Empecé vendiendo hamburguesas en Venezuela
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo