Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mobilidade

O aparcadoiro do CHUS volve ao pleno para instar a Xunta e Concello de Santiago a calendarizar o proxecto e bonificar a veciñanza

A proposición, presentada polo PSOE, apróbase co apoio do PP e a abstención das Non Adscritas e do goberno local

Recreación virtual do futuro aparcadoiro do Hospital Clínico

Recreación virtual do futuro aparcadoiro do Hospital Clínico / cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O aparcadoiro do Hospital Clínico, do que a Xunta anunciou recentemente que muda de localización cara á avenida Mestra Víctoria Míguez, volveu ser protagonista no pleno municipal celebrado este martes. O feito de que aínda non comezasen as obras, dous anos despois da sinatura do protocolo entre a Administración autonómica e a local, e a ausencia dun calendario de actuacións foron algunhas das causas que moveron ao Partido Socialista a presentar unha proposición no debate plenario.

A concelleira do PSOE Marta Abal puxo enriba da mesa a urxencia de que se resolva o déficit de prazas de aparcamento na contorna do CHUS e criticou que logo da sinatura do protocolo Xunta-Concello en 2024, no que se indicaba que as obras comezarían este ano, o cambio de localización leva a que as actuacións non poidan comezar "nin en 2027".

Sobre este cambio de localización e de proxecto, pois o aparcadoiro sería inicialmente soterrado e agora pasa a ser en altura, a edil Abal pediu "transparencia sobre esta nova solución" e explicacións sobre a razón pola que "non se está a executar a obra mentres se redacta o PIA", Proxecto de Interese Autonómico.

A este punto fixo referencia na súa intervención o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, que explicou que o pasado 8 de xullo se recibiu en Raxoi un trámite de audiencia da Xunta coa proposta de actuación deste PIA, "á que demos xa conformidade", mais o edil tamén aclarou que o documento "non contiña ningunha formalización arquitectónica concreta" e asegurou que "o que piden debe facelo a Xunta".

Bonificacións para a veciñanza

A concelleira socialista Marta Abal insistiu na súa intervención na necesidade de definir o modelo de xestión do aparcadoiro do CHUS, posto que "imos bonificar case un millón de euros cada ano" á Xunta, en relación ás bonificacións que lle fará o Concello nos impostos IBI e ICIO (de bens inmobles e de construción, respectivamente).

Neste punto, a edil recibiu o apoio do líder da oposición, o popular Borja Verea, que defendeu que "logo de 15 anos temos unha solución enriba da mesa" e asegurou que "o Concello debe participar nesta solución". Así, exlicou que cando chegue á Alcaldía de Santiago "activaranse bonificacións para os santiagueses". Unhas bonificacións que vía necesaria Marta Abal para equilibrar, precisamente, ás que as arcas municipais lle farán a Xunta de Galicia.

Sen prazos para o inicio das obras

A urxencia de ter un calendario de actuacións, posta enriba da mesa polo PSOE, foi apoiada polas concelleiras Non Adscritas. O edil Gonzalo Muíños reivindicou o seu posicionamento en 2024, cando se asinou o protocolo entre Xunta e Concello: "Dixemos que a alcaldesa asinou un acordo sen prazos e sen contas nos orzamentos autonómicos", algo que considera que fai que a rexedora "blanquea a Xunta" nun proxecto de aparcadoiro que "xa tiña que estar avanzado".

Muíños reiterou que o protocolo "non comprometía a nada nin a ninguén" e dixemos que "cada acordo se tiña que concretar en convenios concretos". En resposta, ás Non Adscritas e ao resto da oposición, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, defendeu que o goberno local logrou a colaboración institucional e que xa se lle trasladaron á Xunta cuestións coma as bonificacións e que o aparcadoiro teña unhas "tarifas asumibles". Sanmartín insistiu en que o Bipartito foi "parte activa en que houbese acordo e se crease a comisión de seguemento".

Unha comisión sobre a que Muíños afeaba, minutos antes da intervención da alcaldesa, que na última xuntanza de 30 de xuño non asistira nin a rexedora, "nin ningún outro membro do goberno".

Votación por puntos

A concelleira Marta Abal non aceptou a votación por puntos da súa proposición, como solicitaban o edil Non Adscrito Gonzalo Muíños e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás. Uns puntos nos que se solicitaba coñecer por que a obra non se executa mentres se remata de redactar o PIA e por que o aparcadoiro pasaba a ser en altura; así coma a aprobación dun calendario de redacción, licitación, adxudicación e inicio das obras, unha solución a curto prazo e a definición do modelo de xestión "coa participación do Concello".

E precisamente as referencias ao Concello foron o argumento de Lestegás para solicitar esa votación por puntos, posto que dende o goberno local defenden que se trata dunha infraestrutura supramunicipal competencia da Xunta e do Sergas.

Nesa liña pronunciouse tamén o edil Muíños, que descartou poñer en cuestión a localización do aparcadoiro porque "o que importa é que se faga" e instou ao Concello a "dar facilidades urbanísticas e liderar as esixencias" diante da Administración autonómica.

Finalmente a votación fíxose sobre o global da proposición, con votos a favor de PSOE e PP e coas abstencións de BNG, Compostela Aberta e das concelleiras Non Adscritas, polo que saiu aprobada.

Tracking Pixel Contents