Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Servizos sociais

Raxoi deféndese da responsabilidade sobre a situación de impago salarial das traballadoras do SAF

A concelleira María Rozas asegura que dende o Concello se fará «todo o que se contempla nos pregos» para resolver a cuestión, incluíndo a imposición de penalidades á adxudicataria

O Servizo de Axuda no Fogar de Santiago adoece actualmente de impagos e de falta de persoal

O Servizo de Axuda no Fogar de Santiago adoece actualmente de impagos e de falta de persoal / Manu López

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A concelleira do PP Yolanda Otero presentou no pleno deste martes unha proposición para coñecer a situación do contrato do SAF –Servizo de Axuda no Fogar–, cuxas traballadoras carrexan o impago da paga extra e están a traballar «sen substituír o persoal, polo que faltan profesionais nas fins de semana e están suspendidos os servizos complementarios» dende o mes de abril.

Dende a bancada popular esixíaselle ao goberno local informar sobre as razóns da prórroga deste contrato, adxudicado en 2024 por máis de 12 millóns de euros e acusaban a Raxoi «dunha deficiente supervisión» á vista dos incumprimentos contractuais da empresa adxudicataria, a UTE SIAD24-Asistenzia Santiago. Otero criticaba que pese ao elevado do orzamento o «funcionamento é peor».

En resposta á intervención da edil do PP falou a concelleira de Servizos Sociais, María Rozas, que reiterou o seu apoio ás traballadoras do SAF e ratificou que dende o goberno se lle esixe á adxudicataria «que cumpra», a través de «múltiples reunións», coas partes. «O Concello fará todo o contemplado nos pregos para corrixir a situación», afirmou Rozas, en relación á apertura dun expediente de penalidades no que aínda se está a traballar.

Ante a interrogación da oposición sobre o por que se prorrogou o contrato en lugar de levar a cabo unha nova licitación, a concelleira Rozas defendeu que tan só «se prorrogou cinco meses», en lugar do ano que contemplan os pregos e asegurou que se está a traballar na próxima licitación. «Esta situación non está provocada polo Concello», defendeuse, «porque está ao día no pagamento das facturas á empresa».

Protección de datos

O pleno aprobou apoiar o persoal nesta situación e tamén, pese ao inconvinte de goberno e de PSOE, de publicar na web municipal a información sobre esta cuestión. As reticencias do goberno local debíanse á protección de datos, especialmente sensibles nunha cuestión coma atención domiciliaria, máis o PP negouse ao debate por puntos.

A proposición saiu adiante cos votos a favor de PP e edís Non Adscritas e a abstención do resto de grupos da Corporación.

A concelleira Non Adscrita Marta Álvarez defendeu na súa intervención que un servizo coma o SAF supón «o benestar dun país, disto é do que estamos a falar e hai que poñer as pilas».

TEMAS

Tracking Pixel Contents