Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As Non Adscritas denuncian as dificultades de acceso á rede de abastecemento en lugares da parroquia de Marantes

A veciñanza de Agualada e A Torre remite aos grupos da Corporación local un escrito na procura de apoio nos trámites para poder conectárense á nova infraestrutura

Panorámica de lugares na parroquia de Marantes, con deficiencias na rede abastecemento e saneamento

Panorámica de lugares na parroquia de Marantes, con deficiencias na rede abastecemento e saneamento / Antonio Hernández

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O concelleiro Non Adscrito Gonzalo Muíños defendeu no pleno do martes unha proposición para facilitar o acceso da veciñanza de Agualada e A Torre (en Marantes) á rede de abastacemento. Unhas obras que comezaron este ano e que contaron cun orzamento de 850.000 euros, en colaboración coa Deputación da Coruña a través do POS.

A raíz dun escrito remitido pola asociación veciñal de Marantes, o edil Non Adscrito instou a Raxoi a apoialos nos trámites que deben realizar para poder conectarse á rede, dependente de Augas de Galicia, e afectada entre outros inconvintes por estaren rexistradas algunhas das fincas como de uso agrario, cando a situación xa non é esa, e requirindo documentos que non poden achegar os veciños. «Non cuestiono os trámites administrativos», afirmaba Muíños para pedir «apoio e asesoramento» á veciñanza dende o Concello.

Un apoio e un asesoramento no que coincidía o pleno da Corporación municipal, dende o PSOE ao PP pasando polo propio goberno local. «As condicións para conectarse á rede son complexas e custosas», aseguraba a edil socialista Marta Abal, que pedía que se fose «porta por porta» para evitar que a infraestrutura «quede infrautilizada».

Pola súa banda o popular Evaristo Ben denunciaba a falta de planificación do goberno e advertía que cun orzamento tan alto debera ampliarse a rede de abastecemento «prevendo que vai ser necesario o saneamento», do que carecen eses lugares, como «outros teñen saneamento e non abastecemento», mentres defendía que unha actuación conxunta «abarataría custos».

Dende o goberno, a concelleira de Rural, Pilar Lueiro, matizou que saneamento e abastacemento son agora «proxectos distintos, pero traballamos na creación dun rede troncal».

O Pacto polo rural

A proposición para apoiar a veciñanza de Agualada e A Torre saiu adiante, como tamén a relativa ao seguemento do Pacto polo Rural presentada polo PSOE. Socialistas e populares criticaron o abandono destas parroquias de Compostela con «estradas deterioradas e falta de mantemento», explicaba a edil Nerea Barcia (PP), que denunciaba que o Pacto polo Rural «non se está a cumprir con ambición».

Unha ambición que si defendeu Pilar Lueiro, que asegurou que se está a investir máis do 1% fixado no pacto e que as asociacións do rural «teñen a información de todas as actuacións previstas». Lueiro afeoulle ao PSOE a súa «furia reivindicativa» cando «gobernaron 31 dos 47 anos» de democracia sen atender con firmeza o problema.

Tracking Pixel Contents