Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Transporte público

Santiago incorporará os seus buses urbanos "ao século XXI" este outono: por fin entra en vigor o novo contrato

A adxudicataria é unha UTE de empresas do grupo Monbus cuxa oferta, 118,8 millóns de euros, rebaixa "case 10 millóns respecto ao previsto na licitación"

Os autobuses urbanos tamén renovan imaxe, co azul "histórico" e o vermello da bandeira do municipio

Os autobuses urbanos tamén renovan imaxe, co azul "histórico" e o vermello da bandeira do municipio / cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A partir do outono Compostela poderá dicir adeus a unha forta de autobuses urbanos obsoleta e darlle a benvida "ao século XXI" en materia de transporte urbano, con máis liñas, máis frecuencias, conexión co rural e bus nocturno, entre outras melloras, vencelladas á accesibilidade e ao sistema informativo para os usuarios.

O anuncio da licitación á UTE Alcalabus-Castromil-Autobuses urbanos de Lugo (do grupo Monbus), por 118,8 millóns de euros e 13 anos de contrato mixto de obra e servizo, fixérono este xoves a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro.

Segundo establece a norma, en 15 días formalizarase o contrato e nun máximo de tres meses despois desa data, como máximo, entrará en vigor e a UTE adxudicataria iniciará a renovación, que implica, entre outras cousas, que na volta dun ano haberá un total de 67 vehículos novos, 40 dos cales terán rampa con dobre accionado (manual e automático).

O total de liñas do novo servizo de bus urbano será de 16, con maiores frecuencias adaptadas ás necesidades dos usuarios de cada unha delas, con 6 liñas circulares e 700 paradas. Incorporaranse ao mapa de transporte local a liña TranSantiago (dende o límite do Milladoiro -Ames- e Sigüeiro -Oroso-, cunha frecuencia de 30 minutos), as tres alimentadoras do rural , a que vincula os campus norte e sur e o bus nocturno (que circulará de mércores a sábado das 23 ás 5 da madrugada nas liñas C2 e C4).

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín / cedida

Melloras nos prezos por quilómetro

Ademais da rebaixa de 128,5 millóns de euros previstos na licitación e a oferta da UTE en 118,8 millóns, a adxudicataria tamén rebaixou os máximos previstos en gasto autorizado, pasando de 45,5 millóns a 35,8 e rebaixando os prezos por quilómetro, o que en palabras do edil Xan Duro, "vai permitir aumentar a bolsa de quilómetros dispoñible", xa que o concello non rebaixará a súa achega.

Este incremento da bolsa de quilómetros, alén da prevista nos pregos da licitación, vai permitir afrontar contixencias imprevistas e outras previstas, coma a celebración de congresos internacionais ou afluencia de público a eventos coma o Son do Camiño.

Así, o prezo no caso do combustible diésel baixa de 3,04 euros o quilómetro a 2,5 e o de gas ou electricidade pasa de 2,7 euros a 2,3 o quilómetro. No caso dos vehículos eléctricos, xa dende a frota provisional (composta por buses cunha media de 7,9 anos, lonxe da idade dos autobuses actuais) haberá un total de 15 vehículos eléctricos, condición do contrato vencellada aos obxectivos de sostibilidade do transporte.

Cambio de imaxe

O aspecto dos autobuses urbanos tamén vai cambiar para recuperar "as cores históricas", definiu a alcaldesa Sanmartín en referencia á cores predominantes da forta de transporte público de Santiago até os anos 90. Así pois, prevalece o azul acompañado polo branco e acompáñase do vermello da bandeira de Compostela. "Un detalle sentimental", defendeu Xan Duro, que vai máis alá e confire un nome propio ao transporte urbano de Compostela, 'Stela'.

As características da frota 'Stela' iranse coñecendo nos próximos días, pero si se avanzaron na rolda de prensa as características interiores dos vehículos. Ademais de contaren todos con rampa e 40 dos 67 con dobre accionado, haberá indicadores de apoio para persoas con diversidade auditiva e visual, información multimedia sobre as paradas e percorridos, wifi e puntos de recarga de teléfonos móbiles.

Ademais, vai estar en funcionamento co transporte urbano compostelán a aplicación NaviLens, que permite ás persoas con diversidade funcional acceder á información da liña na que se atopan a través do seu teléfono móbil. Así mesmo, segundo anunciou o concelleiro de Mobilidade, tamén haberá pictogramas para a información das persoas con TEA -Trastorno do Espectro Autista-.

Tamén se renovará o sistema de información nas paradas e a app do servizo, que se actualizarán cada 5 segundos. Ademais, o servizo de atención ao usuario complementarase, alén do teléfono e do correo electrónico, cunha oficina física e céntrica de información.

As ansiadas liñas alimentadoras do rural

O rural vai contar por primeira vez con tres liñas que achegarán os usuarios da periferia ao centro. A primeira das liñas vai cubrir os lugares da Barciela, Busto, Nemenzo, Berdía, Marzo de Abaixo, Son, A Gracia e Bálsoma; a segunda irá por Santa Cristina de Fecha, Lamascal, San Xoán de Fecha, Brins e Pardaces; e a terceira daralle servizo ás parroquias de Marrozos e O Eixo.

Neste caso, unha vez achegadas ao centro e co resto de liñas á súa disposición, as persoas usuarias destas liñas van ter dereito a dous transbordos gratuítos para poder completar as súas viaxes dende as parroquias ata o seu lugar de destino no centro urbano. As frecuencias destas tres liñas do rural adaptaranse ás necesidades da zona. Segundo apuntaba o edil de Mobilidade o volume de usuarios é maior nas primeiras horas da mañá e, de retorno, na tarde, con amplas franxas dunha demanda menor.

Ademais, mantense a liña lanzadeira ao aeroporto, con frecuencias de 30 minutos desde as 7 da mañá ata as 24.30 horas; e refórzase o servizo aos polígonos industriais, ampliando os horarios destas liñas desde as 7 da mañá ata as 11 da noite; así coma o dos campus, no se que se inclúe o "campus de FP" vencellado ao IES Lamas de Abade.

Incremento de prezos compatible coas bonificacións

Os prezos do novo servizo de transporte urbano vanse a incrementar, no caso do bono ordinario nuns 30 céntimos, e en 40 o prezo do billete solto. Unha suba mínima, "uns prezos razoables" en palabras da rexedora, que van ser compatibles con bonificacións como a que actualmente prové o goberno central.

Así, segundo lembraron do contido dos pregos a alcaldesa e o edil de Mobilidade, o bono ordinario, que empregan o 50% dos usuarios do bus urbano, vai quedar en 0,63 euros, fronte aos 0,60 euros actuais, e o bono escolar vaise situar nos 0,48 euros.

O billete solto en calquera das liñas de autubús vaise situar en 1,40 euros pero a rexedora Sanmartín puntualizou que este tipo de ticket só o emprega o 13% dos usuarios do transporte de Santiago. Ademais, o novo contrato establece, sen contar as bonificacións que se poidan aplicar dende outras administracións, un bono mensual de 35 euros "con dereito a viaxes ilimitadas".

Os novos autobuses tamén van incrementar o número de prazas total, pasando das 4.951 actuais a 6.150.

Tracking Pixel Contents