Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Recoñecemento oficial

Borja Iglesias terá a súa homenaxe no Pazo de Raxoi, só falta poñerlle a data

A edil de Deportes está en contacto co representante do futbolista que estes días celebra con ‘La Roja’ a conquista do campionato do mundo

O futbolista compostelán Borja Iglesias, campión do mundo, durante a celebración do triunfo en EE.UU.

O futbolista compostelán Borja Iglesias, campión do mundo, durante a celebración do triunfo en EE.UU. / EFE

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Dende o pasado domingo 19 de xullo, cando na prórroga da final do Mundial de Fútbol un gol de Ferrán a pase de Nico Williams lle deu a segunda estrela á selección española, o runrrún non cesa. Na taberna, na tenda, no traballo... «E o Concello non lle vai facer unha homenaxe a Borja Iglesias?». Unha pregunta que se acentuou a medida que vimos o papel do xogador do Celta, picheleiro, no propio mundial e na celebración pola conquista do trofeo.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, confirmoulle a EL CORREO GALLEGO que si se vai facer unha recepción ao dianteiro Borja Iglesias no Pazo de Raxoi. O que aínda non hai é data, á espera de fixala coa representante do futbolista campión do mundo, unha vez que el finalice as súas vacacións. Un descanso, ben merecido, que está a aproveitar estes días cos seus compañeiros de ‘La Roja’.

«Estou en contacto con Borja Iglesias», explicaba Pilar Lueiro a este diario, «dende o mesmo momento no que a selección gañou o campionato do mundo e xa antes» de que o futbolista viaxara coa seleción española para desputar o Mundial. Até o de agora non puido frutificar ese contacto pero a disposición é toda, tanto pola parte do xogador coma do equipo de goberno da capital de Galicia. Toca agardar a que se fixe unha data para recibir a Borja Iglesias como merece na casa de todos os composteláns: o Pazo de Raxoi.

Recoñecer os seus valores

As concelleiras Non Adscritas foron as primeiras en facer pública a necesidade de que o Concello de Santiago, do que Iglesias é veciño, recoñecese o seu mérito deportivo. A proposta, comunicada por Gonzalo Muíños, dirixíase a outorgarlle a Medalla de Ouro da cidade ao mérito deportivo, pero non só.

«Borja Iglesias é un referente que transcende con moito o fútbol. Como campión do mundo merece o recoñecemento da súa cidade, pero, sobre todo, merece ese recoñecemento polos valores que representa», afirmaban as Non Adscritas sen deixar de lembrar o papel que o xogou o futbolista en situacións coma a agresión do expresidente da Federación de Fútbol a Jenni Hermoso cando esta se proclamou tamén campioa do mundo; ou a actitude do futbolista compostelán ante comportamentos homófobos ou racistas.

«Iglesias representa o talento, o compromiso, a humildade e a valentía. É un exemplo para moitas xeracións e un dos veciños máis universais que ten Santiago», dicía Gonzalo Muíños, e na mesma liña pronunciáronse horas despois os seus excompañeiros de formación. O grupo municipal socialista solicitou tamén «o consenso da corporación municipal para impulsar unha homenaxe institucional que recoñeza ao xogador como fillo de Santiago e tamén como referente para toda unha xeración».

Dende o PSOE local, a concelleira Marta Abal, quixo destacar que «un éxito desta dimensión», como é proclamarse campión do mundo de fútbol, «merece o respaldo de toda a cidade». Queda agora por ver se esta cidade, que veu nacer o primeiro galego campión do mundo de fútbol, vai ser a primeira que lle renda homenaxe ou se lle adiantará Vigo. O alcalde da cidade Olívica, o socialista Abel Caballero, foi o primeiro en anunciar nas redes sociais o recoñecemento da súa cidade ao futbolista do Celta.

Tracking Pixel Contents