Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Universidade

Un estudo da USC avanza no futuro de bioplásticos e de combustibles renovables

O investigador Brais Vázquez avalia distintas formas de transformar o aceite de cociña

O investigador da USC Brais Vázquez

O investigador da USC Brais Vázquez / Iria Lema

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

Reducir a dependencia do petróleo e atopar novos usos para os residuos é un dos grandes desafíos ambientais e económicos. Entre eses residuos destacan os aceites de cociña usados, xerados diariamente en fogares, bares, restaurantes e industria alimentaria, e que moitas veces rematan vertidos polo sumidoiro ou xestionados de forma incorrecta.

Ademais dos problemas que isto provoca nas redes de saneamento e depuración, tamén supón desaproveitar un recurso con potencial para producir combustibles renovables ou novos materiais capaces de substituír derivados do petróleo.

A partir desta problemática, o investigador Brais Vázquez analizou na súa tese doutoral distintas alternativas para transformar estes residuos en enerxía, combustibles renovables e bioplásticos biodegradables dentro do marco da economía circular. O traballo desenvolveuse baixo a dirección das investigadoras Almudena Hospido e Ángeles Val, do departamento de Enxeñaría Química.

Co obxectivo de analizar cal pode ser a forma máis sostible de aproveitar estes residuos, o estudo comparou distintas rutas de valorización dos aceites de cociña usados, desde alternativas enerxéticas, como o biodiésel ou a produción de enerxía, ata vías orientadas á fabricación de novos plásticos biodegradables.

O investigador empregou ferramentas de análise ambiental e económica que permitiron estudar o impacto destas tecnoloxías ao longo de todo o ciclo de vida, tendo en conta factores como emisións, custos de produción, xestión dos residuos ou efectos asociados aos microplásticos.

Entre as principais conclusións, a investigación sinala que non existe unha única solución perfecta para valorizar os aceites usados, xa que cada alternativa presenta vantaxes e limitacións dende o punto de vista ambiental e económico. A tese conclúe que os bioplásticos representan unha opción especialmente prometedora a longo prazo, ao permitir manter o carbono en circulación durante máis tempo e reducir a dependencia de materiais fósiles.

Porén, o estudo tamén destaca a importancia de optimizar tanto os procesos de produción como a xestión destes materiais ao final da súa vida útil para garantir unha mellor sustentabilidade ambiental.

A investigación desenvolveuse en Cretus, centro da Rede Cigus cofinanciado con fondos europeos, no marco do programa de Doutoramento en Enxeñaría Química e Ambiental da USC, e dentro do grupo de biotecnoloxía ambiental.

O carácter interdisciplinar e colaborativo de Cretus favoreceu o establecemento de colaboracións científicas internacionais, con estadías de investigación en Suecia e mais en Portugal. A tese de Vázquez obtivo a cualificación de Sobresaínte Cum Laude.

Tracking Pixel Contents