Festas do Apóstolo
Cabezudos, folclore e fantasía para celebrar o Día de Galicia
Cantigas e Agarimos, a Agrupación Folclórica Colexiata do Sar, Brincadeira e Ultreia actuaron no serán do 25 de xullo na Praza da Quintana
No Obradoiro tivo continuidade o espectáculo de videomapping e na Oficina de Acollida ao Peregrino entregáronse 3.000 compostelas

Numeroso público acompañou este sábado, 25 de xullo, o desfile dos Cabezudos polas rúas da Cidade Histórica de Santiago. / Santiago Esturao

O programa das Festas do Apóstolo no marco do Día de Galicia encheu este sábado as rúas de Santiago. A comparsa de cabezudos dinamizou a Cidade Histórica a partires das 11.30 horas, e xa pola tarde destacou unha das propostas musicais para o 25 de xullo, as Xornadas de Folclore Galego na Praza da Quintana, coa actuación de catro grupos: Cantigas e Agarimos, Agrupación Folclórica Colexiata do Sar, Brincadeira e Ultreia.

Xornadas de Folclore Galego, este sábado, na Praza da Quintana / Santiago Esturao
Para pechar a xornada, tivo continuidade o espectáculo de videomapping, principal novidade das Festas do Apóstolo 2026, que se estreou na Praza do Obradoiro a noite do 24 de xullo despois do espectáculo pirotécnico que volveu vestir de luz e cor o ceo compostelán na véspera do Día de Galicia.

Público durante as Xornadas de Folclore Galego na Praza da Quintana. / Santiago Esturao
Coa recuperación desta proposta, a fachada do Pazo de Raxoi cobra vida cunha proxección audiovisual de nove minutos, mediante diferentes escenas que xogaron coa arquitectura do edificio. A construción e o derrubamento dos seus muros, os efectos de luz, os mecanismos ocultos ou a irrupción da natureza converteron o espazo nun escenario en constante transformación.
Fachada de luz e cor
Deste xeito, universos de cor e fantasía toman forma sobre o Pazo de Raxoi, que se converte nun gran xoguete cubríndose de sorprendentes texturas e reinterpretando elementos da tradición galega desde unha linguaxe contemporánea. Ademais, a música marca o ritmo desta posta en escena, na que imaxe e son avanzan da man ata desembocar nun espectacular final de fogos artificiais virtuais que enchen a fachada de luz e cor.

O videomapping é a principal novidade das Festas do Apóstolo 2026. / A.M.A.
Este espectáculo está deseñado pola empresa Qatro Gatos e proxectado por Art Music como unha experiencia para todos os públicos que pon en valor o patrimonio arquitectónico de Santiago a través das novas tecnoloxías, ofrecendo unha mirada contemporánea sobre un dos edificios máis representativos da cidade.
Alfombra na Praza da Inmaculada
E tamén no marco do 25 de xullo, a Praza da Inmaculada acolleu a tradicional Alfombra do Apóstolo, unha monumental composición de 6 x 8 metros, deseñada e dirixida polo artista burelán Martín Soto Lestao, que foi realizada coa participación de arredor de 70 alfombristas procedentes das localidades de Ames, Bueu, Burela, O Castro de Caldelas, Cerponzóns e Ponteareas.

A Praza da Inmaculada acolleu o 25 de xullo a tradicional Alfombra do Apóstolo. / Cedida
A iniciativa, impulsada, promovida e confeccionada pola Federación de Alfombristas de Galicia co apoio de Turismo de Galicia, consolídase como un dos actos máis singulares da celebración do Día de Galicia en Santiago e como unha magnífica mostra da excelencia da arte efémera galega.
Camiño de Santiago
"A obra propón unha lectura contemporánea e simbólica do fenómeno xacobeo. Lonxe de presentar o Camiño de Santiago como un itinerario único, o deseño reivindica a súa verdadeira esencia: unha rede de camiños, paisaxes, culturas e persoas que converxen nun mesmo destino e nunha mesma experiencia de viaxe, encontro e transformación", indicaron dende a Federación de Alfombristas de Galicia.
Así mesmo, foron miles os peregrinos que chegaron a Santiago coincidindo coa celebración do Día de Galicia, tal e como reflicte o número de compostelas que se entregaron na Oficina de Acollida da rúa Carretas: arredor de 3.000.
- Un gallego licenciado en la USC, nuevo presentador de ‘Directo al grano’ tras la llegada de Gonzalo Miró a ‘Malas Lenguas’ en sustitución de Jesús Cintora
- Muere Luciano Pérez Villar, 'Chano', histórico referente de la hostelería compostelana
- Denuncia que cierran en Santiago su ciclo de FP a un curso de terminar sin darle opciones
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”