Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Alba de Compostela

Santiago honra a política, a artesanía, a memoria e mais o asociacionismo composteláns

Camilo Nogueira, a orfebre Susana Gesto, o profesor Ricardo Gurriarán e a veciña, avoa activista, Concha Rozas reciben o recoñecemento da veciñanza

Abal, Louzao, Ricardo Gurriarán, Camilo Nogueira, Sanmartín, Concha Rozas, Susi Gesto, María Rozas, Verea e Rosón

Abal, Louzao, Ricardo Gurriarán, Camilo Nogueira, Sanmartín, Concha Rozas, Susi Gesto, María Rozas, Verea e Rosón / Santiago Esturao

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A Alba de Compostela chega á súa cuarta edición. O evento que, non exento de polémica, creou o goberno nacionalista de Goretti Sanmartín consolídase na cidade e no serán deste sábado, 25 de xullo, honrou no Teatro Principal, a picheleiros de nación e de adopción como Camilo Nogueira ou Ricardo Gurriarán, que fixeron a súa vida en Compostela, ou Susana (Susi) Gesto e Concha Rozas, que naceron, viviron e medraron na capital de Galicia.

A alcaldesa Goretti Sanmartín abriu o acto cun discurso no que non faltaron mencións a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que retomou tamén na presentación a cargo da escritora Rosa Anaeiros e que a moitos quilómetros de Compostela pronunciou aquela Alba de Gloria na que se citaban persoeiros ilustres da historia de Galicia e que hoxe replica o Concello de Santiago facendo ilustre a quen traballou, dunha ou doutra maneira, pola cidade que habitamos.

Susi Gesto, Ricardo Gurriarán e Camilo Nogueira xunto á alcaldesa e a reitora da USC, Rosa Crujeiras.Susi Gesto, Ricardo Gurriarán e Camilo Nogueira xunto á alcaldesa e a reitora da USC, Rosa Crujeiras

Susi Gesto, Ricardo Gurriarán e Camilo Nogueira xunto á alcaldesa e a reitora da USC, Rosa Crujeiras.Susi Gesto, Ricardo Gurriarán e Camilo Nogueira xunto á alcaldesa e a reitora da USC, Rosa Crujeiras / Santiago Esturao

Sanmartín non desaproveitou a ocasión de lembrar que se cumpren 90 anos do golpe militar franquista que segou a vida de 3.500 galegos, que fixo dos baixos do Pazo de Raxoi un cárcere fascista no que estiveron presos, antes de asasinados, persoas tan relevantes coma o ex alcalde de Compostela Ánxel Casal ou o artista Camilo Díaz Baliño. Autor este último da cartelaría das Festas do Apóstolo que agora celebramos e a quen este ano homenaxea co seu cartaz a deseñadora compostelá Iria Aldegunde.

Casal e Díaz Baliño foron fusilados en 1936, o mesmo ano no que vían a luz Camilo Nogueira, en novembro, e Concha Rozas, que cumpre os 90 no mes de decembro. Ela, con categoría de ‘alcaldesa’ mobilizouse cando lle expropiaron a casa na Ponte Mantible e a mandaron coa familia a vivir na Pontepedriña.

Alí, creou a asociación das avoas, mirou porque a estrada de Ourense deixase de ser un punto negro de accidentes e erixiuse, sen querelo, na voceira dos seus veciños que, vendo resoltas as súas reivindicacións a través dela, repetían: «Ai, Concha, mereces unha medalla».

Concha ten xa a súa medalla, recollida polos seus fillos, Juan Luís deu o discurso, ela saudouse cos membros da Corporación local: Mercedes Rosón, Marta Abal, Borja Verea, Míriam Louzao e María Rozas. Da man da alcaldesa, todo foron risas no escenario do Teatro Principal.

Ela loitou «pola mellora dos barrios de Santiago», dixo o seu fillo, «porque é onde vivimos os traballadores». E Juan Luís non deixou de mencionar a súa irmá Lola, nunha residencia en Laraño, onde Concha continúa o seu activismo porque «non poden saír a pasear en cadeira de rodas» e as beirarrúas non son accesibles.

E xunto a ela tamén se recoñeceu o traballo dun «vigués convencido», en palabras da súa filla Alba que recolleu o galardón, o enxeñeiro e político Camilo Nogueira, cun «triple vencello» con Compostela, pola que loitou para que fose o que hoxe é, a capital galega, por ser «berce de Europa».

Nos anos 60 ao enxeñeiro Nogueira botárono da Citroën e veu para Santiago, a traballar na Sociedade de Desenvolvemento económico de Galicia (Sodiga). Coñeceu a súa compañeira e casou, en 1967, no Castiñeiriño, nunha cerimonia en galego oficiada polo Pai Seixas.

En Compostela criou os seus fillos e naceron os seus netos e desenvolveu a súa carreira política, como deputado no Parlamento de Galicia e posteriormente no Parlamento europeo. Unha traxectoria de case seis décadas vinculada á cidade que este sábado o premiou coa Alba de Compostela.

Memoria e artesanía

«Un profesor que nos trataba coma adultos», conta unha das compostelás que pasou polas aulas de Ricardo Gurriarán, educador no IES Xelmírez, historiador e investigador da pegada do franquismo, sobre todo en relación coa universidade e co movemento estudiantil naquela altura, obxecto da súa tese tese doutoral.

Ricardo Gurriarán tamén tivo un papel relevante na recuperación das estatuas do Mestre Mateo expoliadas ao Concello de Santiago pola familia Franco. O profesor do Xelmírez tamén participou nese proceso que culminou con éxito, e agarda que detrás veñan «outros máis» e pola achega del e doutros hoxe a veciñanza pode contemplar na ala sur do Museo do Pobo Galego a Abraham e Isaac ou Ezequiel e Xeremías.

Estatuas patrimonio da cidade, como tamén o son o acibeche e a prata... non en van dan nome estes materiais a cadansúa praza. Susana Gesto é boa coñecedora destes materiais, ourive que recuperou o oficio familiar, cun obradoiro na Algalia de Abaixo e artífice nos dous últimos anos do agasallo que se entrega ás homenaxeadas como Mulleres de Compostela arredor do 8 de marzo.

«Valoro este recoñecemento como se non fora só para min, coma se fora para o oficio», conta Susi Gesto en conversa con EL CORREO GALLEGO. «Como se fora para meu pai e para os ourives que estiveron, para os que xa non están e para os que permanecen e fan de Santiago unha cidade recoñecible neste oficio». Desta volta non foi unha peza súa o agasallo, senón dunha compañeira ourive, Jose Castro foi quen elaborou a peza que simboliza o vínculo con Compostela e o agradecemento da cidade polo labor realizado.

Tracking Pixel Contents