Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

RECOÑECEMENTO

As Non Adscritas aféanlle a Sanmartín copar o protagonismo da 'Alba de Compostela'

A concelleira Mila Castro lamenta que rache co "consenso" destes premios e reivindica o "marcado carácter institucional" dos premios

Mila Castro e Mercedes Rosón na sala de prensa de Raxoi

Mila Castro e Mercedes Rosón na sala de prensa de Raxoi / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago de Compostela

A concelleira Non Adscrita Mila Castro comunicou este domingo o disgusto do seu grupo en relación á entrega da ‘Alba de Compostela’. Polémica na súa primeira edición por non contar co apoio do resto da Corporación local, desta volta, cuarta edición dos recoñecementos aprobados por unanimidade, foi só a rexedora Goretti Sanmartín a que entregou o galardón, sen a participación dos edís doutros grupos que, sen embargo, estiveron no escenario do Teatro Principal de Compostela.

Mila Castro lamentou que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, «rachase co consenso» acadado o pasado ano arredor da ‘Alba de Compostela’, un acto creado para recoñecer ás persoas que «representan o mellor de Santiago» e que, ao xuízo das Non Adscritas, debe manter «un marcado carácter institucional e de cidade». Castro considera que, tras a polémica xerada na primeira edición, o pasado ano conseguírase reconducir o formato da ‘Alba de Compostela’ mediante o diálogo entre os diferentes grupos municipais, reforzando a imaxe de unidade da Corporación arredor das persoas homenaxeadas. Pore iso, Castro entende que a decisión da alcaldesa de asumir en solitario a entrega dos galardóns supón «un paso atrás» nese consenso.

«É unha mágoa que dende o goberno local, a propia alcaldesa se esforce en rachar co consenso que custou conseguir arredor da ‘Alba de Compostela’ como un evento para reivindicar o mellor de Santiago: a súa xente. Converteu o acto deste sábado, non sabemos se nun intento cutre de activar a precampaña electoral, nun evento persoal e personalista: a Alba de Sanmartín», afirmou.

A concelleira Non Adscrita criticou que as portavocías dos distintos grupos municipais quedasen reducidas a un papel «meramente testimonial», rompendo co proceder acordado o pasado ano, no que a entrega dos recoñecementos simbolizaba o respaldo de toda a Corporación ás persoas distinguidas. «Foi ela soa quen entregou os galardóns. Sabiámolo, pero preferimos manter a discreción ata hoxe por respecto ás persoas homenaxeadas. Agora ben, isto non pode nin debe repetirse porque acaba ensombrecendo unha homenaxe que todas e todos compartimos por intereses persoais e partidistas», sinalou. Noutras ocasións e noutros eventos, como o ‘Mulleres de Compostela’ se conta coa participación dos membros da Corporación local á hora de entregar os premios á veciñanza.

Mila Castro considera especialmente contraditoria esta decisión porque lembra que foi a propia Goretti Sanmartín quen, cando exercía como portavoz do BNG na oposición, reclamaba que todos os grupos municipais participasen na entrega dos recoñecementos, apelando ao mandato representativo como membros da corporación.

«Naquel momento aceptouse esa reivindicación precisamente para fortalecer o consenso institucional. Agora, como alcaldesa, sostén que a representación do Concello corresponde exclusivamente á Alcaldía e esquece aquilo que ela mesma defendía. En realidade, semella que o que preocupaba antes e agora non era a representatividade, senón quen entregaba os premios», concluíu.

As concelleiras Non Adscritas reclaman que nas próximos actos se recupere o modelo consensuado, garantindo que estes actos de condecoración continúen sendo unha expresión do conxunto da Corporación e non do goberno municipal, preservando así o protagonismo das persoas homenaxeadas e o carácter institucional que debe presidir este tipo de recoñecementos.

Tracking Pixel Contents