Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Rehabilitación

Licítase por 167.000 euros a restauración do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres de Bonaval

O Consorcio de Santiago abre o concurso até o 4 de setembro para, entre outras cuestións, resolver os problemas de humidades e filtracións do edificio

O Consorcio de Santiago licita o concurso para solucionar as filtracións que afectan o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

O Consorcio de Santiago licita o concurso para solucionar as filtracións que afectan o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

O Consorcio de Santiago publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público a nova licitación das obras de restauración da nave de acceso ao Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e da capela que alberga o sepulcro de Daniel Castelao, no conxunto de San Domingos de Bonaval. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 4 de setembro de 2026, cun orzamento base de licitación de 167.058 euros (IVE incluído), despois da súa actualización para adaptalo ás condicións actuais do sector da construción.

«A intervención permitirá acometer a restauración integral da nave de acceso ao Panteón», indican dende o Consorcio, «actuando sobre as principais patoloxías detectadas no inmoble». Os traballos centraranse na resolución dos problemas de humidades e filtracións, así como na recuperación dos revestimentos e das pinturas murais deterioradas, co obxectivo de mellorar as condicións de conservación do conxunto e garantir a protección dos seus valores históricos, artísticos e patrimoniais.

Trátase dunha actuación forma parte das intervencións que o Consorcio de Santiago desenvolve para a conservación do patrimonio histórico da cidade, contribuíndo á preservación dun dos espazos de maior significado simbólico e cultural de Galicia.

Utilización partidista

O PPdeG denunciou «a instrumentalización partidista» do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres por parte do Bloque Nacionalista Galego e esixe un regulamento urxente para os usos permitidos no recinto.

A través dunha proposición non de lei do grupo parlamentario popular, o PP expresa o seu «firme rexeitamento» ante a utilización política realizada pola organización nacionalista xuvenil Galiza Nova, o pasado 23 de xullo, no interior deste espazo.

Segundo afirman os populares, «lonxe de manterse o respecto e a solemnidade propios dun espazo de homenaxe a figuras fundamentais da nosa historia, realizáronse proclamas, arengas e consignas de marcado carácter ideolóxico, máis propias dun mitin que dun acto institucional», aseguran os populares.

Así mesmo, sinalaron que, durante o evento, tamén se ondearon bandeiras estreladas, «un símbolo identificado co independentismo galego» que non representa oficialmente a Galicia «nin ao conxunto dos galegos». Neste punto, dende o PP lembran que este espazo é un dos principais símbolos institucionais da identidade colectiva e que «o seu espírito debe permanecer sempre á marxe do uso partidista e a confrontación partidaria», tal e como recolle a Lei que regula o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

Tracking Pixel Contents