Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Institucional

O PP de Santiago acusa o goberno local do uso «partidista» das redes do Concello

Denuncia que a galería fotográfica do Día do Traxe omitiu as imaxes dos premiados aos que entregou o galardón algún edil do partido

Dende Raxoi explican que se tratou dun erro técnico que foi subsanado no momento

Un dos momentos do Día do Traxe Galego do programa das Festas do Apóstolo de 2026

Un dos momentos do Día do Traxe Galego do programa das Festas do Apóstolo de 2026 / Santiago Esturao

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

O PP de Santiago denuncia «unha nova utilización partidista das canles institucionais do Concello» por parte do goberno local, «que volve demostrar que entende a comunicación pública como un instrumento de propaganda e non como un servizo público».

Dende a bancada popular denuncia que «con motivo do Día do Traxe Galego, as redes sociais municipais difundiron unha galería fotográfica dos premiados no certame, ou mellor dito, dalgúns deles. Porque aqueles que recibiron o seu galardón de mans de concelleiros do PP ou do secretario xeral da Lingua da Xunta, Valentín García, simplemente desapareceron da crónica gráfica oficial».

O PP afirma que o feito «non parece tratarse dun descoido» e denuncian que «cando o goberno selecciona as fotografías que publica en función de quen entrega cada premio, deixa de informar sobre un acto institucional para construír un relato partidista».

Os edís do PP recalcan que «non é a primeira vez que sucede» algo así, e fan referencia ao 8 de marzo, cando o goberno local «difundiu un vídeo institucional no que aparecían todas as persoas encargadas de ler o manifesto, agás o concelleiro do PP».

Os populares denuncia que «estamos ante unha práctica reiterada e unha preocupante falta de lealdade institucional» e recórdanlle ao executivo de Goretti Sanmartín que o goberno local «representa a toda a Corporación», e non unicamente aos partidos que forman parte del. «Invisibilizar deliberadamente os representantes doutras administracións ou da oposición significa confundir as institucións cun patrimonio de partido».

Con todo «o máis grave deste episodio» para o Partido Popular «non é só o novo intento de borrar a oposición da fotografía institucional», senón que «os principais prexudicados por este exercicio de propaganda son precisamente os que nada teñen que ver coa disputa política: os premiados». «As persoas distinguidas por manter viva unha das expresións máis valiosas da nosa cultura», inciden, «merecen que o seu recoñecemento sexa completo e visible».

«As redes sociais do Concello non pertencen ao BNG», reclaman dende o PP, á vez que destacan que «deben reflectir con rigor, obxectividade e pluralidade a actividade municipal».

O edil Popular José Antonio Constenla durante o Día do Traxe nunha imaxe compartida polo Concello de Santiago

O edil Popular José Antonio Constenla durante o Día do Traxe nunha imaxe compartida polo Concello de Santiago / Concello de Santiago

Pola súa banda, dende Raxoi sinalan que se tratou dun erro técnico que foi solucionado no mesmo momento e que as imaxes dos edís populares tamén aparecían nas redes sociais.

Tracking Pixel Contents