O Pazo de Raxoi engalánase para acoller os nenos saharauís
As familias acolledoras do programa ‘Vacacións en paz’ foron recibidas pola acaldesa e membros da Corporación municipal

Os cativos saharauís do programa ‘Vacacións en paz’ foron recibidos no Pazo de Raxoi / Santiago Esturao

Compostela dedica un ano máis o seu verán ao programa ‘Vacacións en paz’, organizado por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Dous meses de estadía de cativos e cativas saharauís que abandonan o campo de refuxiados «enriquecéndonos», afirmaba a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, coas súas experiencias e integrados en familias temporais.
Unha decena de cativos chegaron o 6 de xullo e permanecerán coa súa familia picheleira até o 7 de setembro. A rexedora non deixou escapar a ocasión de preguntarlles se xa gozaran das festas. «Supoño que xa tivéchedes tempo de ir as atraccións, non? E de pasear un pouco pola festa, espero que si». Sanmartín desexou tamén que poidan regresar a Compostela, «un concello solidario, empático», noutra viaxe que sexa «realmente unha vacación e que veñades en calquera momento do ano», en relación a que a loita do pobo saharauí conclúa coa paz e co referendo de autodeterminación.
Xunto á rexedora estiveron a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, o voceiro do PP, Borja Verea, e a súa compañeira de bancada, a concelleira Olaya Otero, o socialista Sindo Guinarte, e a edil Non Adscrita Mercedes Rosón. Todos eles acompañaron a cativada e as súas familias de acollida, polas que falou a coordenadora local, Beatriz Louro, e mais o delegado en Galicia do Frente Polisario, Abidin Bucharaya.

As crianzas saharauís, acompañadas polos membros da Corporación local, asomáronse aos balcóns de Raxoi / Santiago Esturao
Sobre o dereito internacional
Abidin Bucharaya, logo de traducir o falado para os nenos presentes no salón vermello do Pazo de Raxoi, e mesmo de animalos a que pronunciasen algunha frase en galego, tomou a palabra para agradecer e poñer sobre a mesa o conflito que afronta o pobo saharauí, sen recoñecemento aínda pola comunidade internacional e vivindo en campos de refuxiados.
Bucharaya agradeceu o compromiso da Corporación local colaborando en ‘Vacacións en paz’ e acollendo «os nosos pequenos embaixadores».
«Non temos palabras para describir as familias de acollida, mulleres e homes feitos dunha pasta especial, particularmente nesta época do ano. En vez de saíren fóra quedan para acoller uns saharauís», dixo o delegado do Frente Polisario, para engadir que un agradecemento «por acompañarnos na loita do día a día para establecer a paz e a liberdade no Sáhara, materialmente non podemos ofrecer nada porque nada temos pero a nosa resistencia, a nosa existencia, pula porque a comunidade internacional nos outorgue un só día de democracia, a través das urnas, para poñerlle fin ao conflito, porque temos claro que seremos un país independente e soberano».
Bucharaya quixo poñer en valor que o «proxecto nacional» do Sáhara, que xa conta con 50 anos, «está baseado nas urnas e non nas armas».
Primeiro ano de acollida
Beatriz Louro foi a encarga de coordenar as familias de acollida compostelás, e ela mesma foi, por primeira vez unha das acolledoras. Unha experiencia que ten claro que repetirá, pois «está sendo unha experiencia enriquecedora, teño un neno tamén de nove anos e o neno que nos veu ten dez e estamos aprendendo moito».
Conta Louro a EL CORREO GALLEGO que o neno que a súa familia acolle «chegou falando algo de castelán, moi pouco, pero xa cunha semana aquí se viron os pro gresos. Na casa falamos galego e xa o entende».
Ela agradeceu a colaboración «non só económica» da Corporación local, tamén a política e a visibilización, «porque o que non se conta non existe». Louro instou a cidadanía a colaborar coa causa saharauí, non só acollendo, «cun sorriso na cara dun neno, cun like nunha rede social, achegamos un graíño de area».
- Santiago activa radares fijos en dos de los principales accesos a la ciudad
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- 100 años y una vida dedicada a la Iglesia: la historia de Ricardo Bello
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- Una panadería de Santiago se cuela entre las mejores de España: 'Empecé vendiendo hamburguesas en Venezuela