Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Novo contrato de autobuses

Stela, o sistema de transporte público de Santiago que aposta por unha mobilidade "en rede e multimodal"

O concelleiro Xan Duro presenta xunto a Desescribir a nova imaxe do bus urbano que abrangue tamén os taxis e busca que "moverse en Compostela sexa máis humano"

José Ramón Mosquera, de Tussa, Xan Duro, edil de Mobilidade, e Suso Vázquez de Desescribir

José Ramón Mosquera, de Tussa, Xan Duro, edil de Mobilidade, e Suso Vázquez de Desescribir / cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O concelleiro Xan Duro presentou este mércores a nova imaxe do transporte público compostelán, unha nova imaxe que vai máis alá da identidade visual. "Stela é un sistema de mobilidade pensado en rede e multifuncional".

O edil defendeu que o novo sistema está dotado dun marco común para toda a mobilidade pública da cidade e supón "un salto cualitativo" de cara á que desprazarse en Santiago sexa "máis sinxelo, máis cómodo e máis seguro". Unha iniciativa que se orienta tamén a "reducir a dependencia do vehículo privado e recuperar as rúas para a veciñanza".

Duro explicou que co novo modelo Stela pretende facilitar o uso do transporte público (sexa bus, sexa taxi, sexan as futuras bicicletas de alugueiro municipais) para residentes, persoas que traballan ou estudan na capital galega e visitantes.

O concelleiro Xan Duro durante a presentación de Stela Mobilidade

O concelleiro Xan Duro durante a presentación de Stela Mobilidade / Santiago Esturao

"Unha mobilidade que se centra nos barrios e nas parroquias, nos centros de traballo, nos campus, nos hospitais, nos espazos comerciais", porque Compostela, apunta Xan Duro, "ten unha realidade urbana e rural singular, por iso o sistema debe ser flexible, para responder á diversidade do territoro e ás necesidades reais da veciñanza".

Con Stella Mobilidade, un proxectodea longo prazo, o goberno local pretende "simplificar e integrar os servizos de transporte público", pois para o concelleiro esta "é unha práctica responsable e desexable por parte dunha administración pública".

Dentro desta nova mobilidade de Compostela o concelleiro tamén fixo mención á "próxima" municipalización dos aparcadoiros das prazas de Galicia e de Vigo.

Nova imaxe, nova estrutura

"Trátase de dotar o servizo dunha imaxe que permita á cidadanía identificar cada servizo público: aparcadoiros, autobuses, paradas, marquesiñas, taxis e chegado o momento bicicletas municipais de alugueiro".

Falaba así o edil Xan Duro na rolda de prensa que deu xunto a Suso Vázquez, integrante de Desescribir, a empresa que concibiu esta nova imaxe e estrutura de mobilidade para Santiago. Vázquez apuntou en primeiro lugar o mérito de que se lles contrata un proxecto de longo prazo e non tan só de imaxe.

"Pensamos en termos de estrutura e non só de comunicación", asegurou Suso Vázquez, que defendeu que dende Desescribir se pensou "nunha marca que non caducase pronto" e que se pode coñecer xa a través de https://stela.gal/. Unha web provisional que evolucionará para poder ser utilizable pola cidadanía.

Suso Vázquez (Desescribir) na presentación da imaxe dos novos buses urbanos

Suso Vázquez (Desescribir) na presentación da imaxe dos novos buses urbanos / Santiago Esturao

Os buses recuperan as cores históricas do transporte da cidade, con preeminencia do azul, xunto ao branco e o vermello da bandeira compostelá, que invirten o sentido no caso do aerobús, o bus do aeroporto, branco coa parte superior azul, emulando o ceo.

Incorpora tamén un sistema de iconas protagonizado pola frecha e Vázquez fixo mención ao significado de "stela", parada no galego, rastro de desprazamento no castelán e o evidente vínculo con Campus Stellae.

De modo paulatino, a imaxe das paradas irase mudando, mantendo unha coherencia coa imaxe dos buses, o deseño corporativo de Desescribir. Así será tamén no caso das marquesiñas, dos taxis, da bicicleta e das sendas peonís, trantando de que tanto quen coñeza a cidade coma quen non identifique nun golpe de vista as diferentes formas de moverse na cidade.

Tracking Pixel Contents