Entrevista | María Rozas Concelleira de Dereitos e Servizos sociais, Promoción económica e Xuventude
María Rozas reivindica os logros sociais e en mobilidade de Compostela Aberta como aval para "liderar o novo goberno de Santiago»
Defende o compromiso social e o diálogo como o ADN dunha CA da que se sente orgullosa por avances como o contrato do transporte público ou as becas de comedor escolar

María Rozas, concelleira de Compostela Aberta responsable das áreas de Servizos sociais, Promoción económica e Xuventude no Concello de Santiago. / Antonio Hernández

Con dous concelleiros no goberno local de Santiago na presente lexislatura, María Rozas reivindica o traballo desenvolvido por Compostela Aberta en mobilidade e en servizos sociais, coa adxudicación dun novo contrato de transporte público ou o incremento das cuantías das becas de comedor escolar, entre outros logros. Avances que ve como un aval para que a súa formación aspire a liderar o Goberno de Santiago nas próximas municipais, aínda que de momento non despexa a incógnita de se ela mesma encabezará a candidatura. Di que CA ten o seu calendario e que non será ata principios de outono cando comezará o proceso interno e que «cando chege o momento, farei pública a miña decisión, primeiro por suposto á organización».
Coa vista xa nas municipais do próximo ano, que balance realiza desta nova experiencia como parte do goberno local?
Cando CA afrontou este mandato, tiñamos ben claros os principais obxectivos, tanto no ámbito social como na mobilidade, áreas da nosa responsabilidade. Non somos unha organización política conformista, pero o balance destes tres anos e positivo polo que fixemos e polo que sementamos que comeza a ver os seus froitos, mois especialmente en mobilidade coa adxudicación dun novo contrato de transporte público, as 19 novas licencias de taxi que non se ampliaron desde 1998 ou a próxima remunicipalización dos aparcamentos das prazas de Galicia e de Vigo. E na área social, o compromiso social está no ADN de CA e vense demostrando desde o principio. Todos os avances no social fixéronse cando gobernaba CA, e aí están os datos.
Políticas públicas para as familias
Avances como cales?
As becas de comedor escolar son un exemplo moi contundente, xa que cando CA chegou por primeira vez ao goberno municipal en 2015 a partida pasou de 87.500 euros a 600.000, e agora volvimos incrementala ata os 1.150.000 euros porque é unha ferramenta necesaria e imprescindible para a igualdade de oportunidades das crianzas. Santiago será unha cidade mellor en 2027, especialmente no que ten que ver coas áreas nas que temos responsabilidade de goberno e coas políticas públicas para as familias.
Un antes e un despois no eido social
Que retos quedan pendentes?
Aínda que o contrato de transporte público xa está adxucado e, como dixo o meu compañeiro Xan Duro, permitirá que Santiago teña un transporte público do século XXI, implementalo non vai ser sinxelo. En calquera caso, logramos un reto que non era menor, xa que o contrato levaba dous mandatos sen desbloquearse, e conseguimos maior cobertura territorial, con atención ao rural, maiores frecuencias e servizo nocturno, con autobuses novos, e sen que se encarezan as tarifas porque temos claro que o transporte público é un servizo esencial, que debe ser accesible e asequible para toda a veciñanza. O maior reto é o da vivenda, non só en Santiago, pero CA tamén foi pioneira na regulación das vivendas de uso turístico nunha época na que era máis controvertido. Procuramos propostas transformadoras, innovadoras, para mellorar a vida da xente, traballando por uns servizos sociais universais. Desde o aval do que fixemos, con rigor, creo que hai un antes e un despois no eido social cando goberna CA. E aspiramos a mellorar aínda máis.
Cando ten previsto CA configurar as súas listas electorais?
CA ten o seu calendario de escolla de candidaturas, sempre en outono, e nós agora estamos centrados en gobernar, en buscar melloras para a veciñanza de Santiago, que é o que nos importa, e á volta do verán comezará o calendario interno e anunciaremos publicamente o que a organización decida.
"CA non está nesa fase de escolla de candidaturas, iniciará ese calendario a principios de outono. Cando chegue o momento, farei pública a miña decisión; primeiro, por suposto, na organización porque entendo así a política"
Vostede vaise presentar?
Como dicía, a nosa organización non está nesa fase. Cando chegue o momento, farei pública a miña decisión; primeiro, por suposto, na organización porque entendo así a política. Ademais, como representante de CA síntome moi orgullosa do noso colectivo, de xente preparada para gobernar cunha perspectiva transformadora e ambiciosa, querendo abrir debates incómodos porque son necesarios. Os avances importantes que fixemos neste mandato no social e na mobilidade, e o anterior coa regularización das vivendas de uso turístico, son feitos que avalan a CA para aspirar de novo a liderar o Goberno de Santiago.
Ve ao PP como o único sen posibilidade de pactar
Que perspectivas ven cunha esquerda aínda máis fragmentada?
Para nós o importante é que somos unha organización política preparada para gobernar e para liderar ese goberno. Faremos todo o posible para que Santiago continúe gobernada pola esquerda co liderazgo de CA e mellorando cuestións claves como as políticas sociais, a mobilidade, a vivenda ou as infraestruturas básicas. Santiago é unha cidade moi plural, moi diversa, e o PP, non só aquí, ten o problema de que non é capaz de chegar a acordos. É a única opción política sen posibilidade de pactar, e iso é moi triste en democracia.
A oposición lles acusa de inacción, de falta de xestión.
Diría que o dato mata o relato. Sempre hai que aspirar a máis, pero somos o socio minoritario dun goberno de coalición, e xa destaquei cuestións que fixemos e que son moi importantes. Non todos somos iguais, aínda que exista un descrédito hacia a política. Síntome moi orgullosa do que fixemos, e basta con ver o que dicían na campaña electoral todas as formacións e se o que se marcaba como reto está feito un non.
Acordos fronte a intereses partidistas
Pros e contras dun goberno bipartito e en minoría.
Gobernar en minoría ten as súas dificultades, pero nós sempre defendemos gobernos en coalición porque creo que chegar a acordos entre diferentes formacións é importante. É certo que ás veces hai intereses partidistas que priman contra o interés da cidadanía. É un risco que teñen os gobernos en minoría, que trasladas propostas no pleno que poden ser de consenso, pero que por un interés partidista non saen adiante, e supón unha complicación. CA somos unha forza dialogante e creo que iso o valora a veciñanza, unha política de facer cousas, de traballar para a xente e para mellorar as súas vidas, máis que de facer ruído e polemizar.
- Un gallego licenciado en la USC, nuevo presentador de ‘Directo al grano’ tras la llegada de Gonzalo Miró a ‘Malas Lenguas’ en sustitución de Jesús Cintora
- Muere Luciano Pérez Villar, 'Chano', histórico referente de la hostelería compostelana
- Denuncia que cierran en Santiago su ciclo de FP a un curso de terminar sin darle opciones
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”