Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Servizos

Raxoi adxudica o contrato de comedores: 2,4 millóns por curso

Seguirán atendéndose mediante o modelo de contratación externa

"Introduce melloras importantes", indican dende o goberno local

Míriam Louzao, concelleira de Educación.

Míriam Louzao, concelleira de Educación. / Concello de Santiago

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Redacción

Santiago

A Xunta de Goberno local vén de adxudicar os contratos, correspondentes a dous lotes, para o servizo de xestión e organización do servizo de madrugadores e de comedor na rede de comedores escolares municipais.

Estes contratos «introducen melloras importantes no servizo», indicaron este luns dende Raxoi. A primeira, sinalaron, ten que ver coa entrada en vigor do Real decreto que desenvolve a Lei 7/2011, do 5 de xullo, de seguridade alimentaria e nutrición, para o fomento dunha alimentación saudable e sustentable nos centros educativos, que afecta á planificación e á educación nutricional.

Outra das melloras, engaden, «atinxe ao incremento de persoal de monitoraxe e unha atención máis completa e con maior dotación de persoal para as nenas e nenos con necesidades especiais, tal e como se vén facendo en todos os servizos do departamento de Educación». Tamén se inclúen na prestación as tres escolas unitarias que se comezaron a atender neste mandato mediante un convenio coa FANPA co que se ofrecía o xantar. Agora, coa nova adxudicación, ofrecerase a partir do curso que vén xantar e almorzo.

O Lote 1, correspondente ao Servizo de persoal de monitoraxe dos servizos de madrugadores e de comedor na rede municipal de comedores escolares, vén de ser adxudicado a VITAEVENTS SL, que inclúe facilitar 6 instrumentos que permitan a comunicación entre o persoal no servizo de xantar tipo Walkie talkie, celebrar, polo menos, unha sesión divulgativa en cada comedor escolar sobre hábitos saudables na infancia, organizar unha xornada anual de portas abertas para familias en cada un dos comedores escolares ou decorar e ambientar os espazos de comedor acorde coas idades do alumnado: instalar un kit de accesibilidade cognitiva homologado (pictogramas TEA) en cada comedor. O kit incluirá como mínimo un panel vertical coa secuencia temporal de accións no comedor.

Servizo de cátering

O Lote 2, correspondente ao Servizo de cátering dos servizos de madrugadores e de comedor na rede municipal de comedores escolares do concello de Santiago de Compostela, adxudícose a Jardanay SL. que presenta os seguintes prezos unitarios(con IVE): almorzo 1,87€ e xantar 4,16€.

A adxudicataria tamén se compromete a usar envases con contido reciclado, fabricado con materias primas renovables ou biodegradables/compostables.

O custo total por curso, indicaron dende Raxoi, ascende a 2.421.682,98, sumando os dous lotes (1.113.339,46 + 1.308.343,52).

Formulario para solicitantes do servizo de comedor

Ademais, o Departamento de Educación do Concello de Santiago vén de notificar a todas as familias solicitantes do servizo de comedor e madrugadores un enlace cun formulario onde poderán detallar as características do servizo solicitado para o vindeiro curso 2026/2027.

A través deste formulario na aplicación eHabilis poderán especificar a información relativa aos días para os que desexan os servizos, información alimentaria e sanitaria e así coma os datos bancarios. Cumprimentar este formulario é obrigatorio para formalizar a inscrición.

En caso de dúbidas ou incidencias durante o proceso de rexistro da inscrición, o Concello habilita o teléfono gratuíto 88181 91 07 en horario de 8.00 a 15.00 horas. Así mesmo, o Departamento de Educación pon a disposición da cidadanía que o precise atención presencial para completar a inscrición. Este servizo estará dispoñible no Edificio Cersia en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres desde o 3 ata o 19 de agosto.

Posteriormente, o 21 de agosto publicarase a listaxe provisional de admisións. Para o curso 2026/2027 prestarase servizo en dez colexios de educación infantil e primaria (CEIP) e nas tres escolas rurais.

Tracking Pixel Contents