Transporte urbano
Verea avoga por manter a gratuidade dos autobuses de Santiago para os pensionistas
O líder do PP considera «un erro» que as persoas maiores perdan un dereito consolidado

Un autobús urbano nas rúas de Santiago / Antonio Hernández
O candidato á Alcaldía de Santiago, Borja Verea, avoga por manter a gratuidade dos autobuses urbanos de Santiago para os pensionistas cando entre en vigor o novo contrato. O líder do PP advertiu este martes de que a nova ordenanza de prezos "non pode converter unha mellora do servizo nun retroceso para as persoas maiores". Nesta liña, engadiu que "ter mellores autobuses, máis frecuencias e un servizo moderno é unha boa nova para Santiago. Pero modernizar nunca pode significar que os veciños perdan dereitos".
Verea mostrou a súa preocupación porque a nova regulación tarifaria non manteña a gratuidade do transporte urbano para os pensionistas e anunciou que, se chega á Alcaldía, impulsará a súa recuperación. "Para min hai unha liña vermella: os pensionistas de Santiago deben poder seguir viaxando gratis no autobús urbano. É unha medida de xustiza, de respecto e tamén unha forma de favorecer un envellecemento activo e unha cidade máis accesible."
O candidato popular asegurou que a política tamén consiste en decidir prioridades. "Eu teño claro cal sería a miña. Nunca lle pediría ás persoas maiores que pagasen por un dereito que durante tantos anos formou parte do noso sistema de transporte público."
Non cuestiona o novo contrato
Verea insistiu en que esta posición non supón cuestionar o novo contrato. "Quero que Santiago teña un mellor transporte público. Quero máis e mellores autobuses. Pero tamén quero que esa mellora chegue sen deixar a ninguén atrás. Unha cidade moderna é aquela que avanza sen facer retroceder aos máis vulnerables."
O candidato concluíu comprometéndose a que, se recibe a confianza maioritaria dos composteláns nas próximas eleccións municipais, a recuperación da gratuidade para os pensionistas será unha das primeiras modificacións que promoverá na política tarifaria do transporte urbano.
Bono de 100 viaxes gratis ao ano
Tras as declaracións de Verea, desde o o goberno local matizaron que se manterá un bono para pensionistas con 100 viaxes gratuítas ao ano, e a partir de aí o prezo do billete será para eles de 0,50 euros. Ademais, destacan que en 2025 realizáronse 1,7 millóns de viaxes co bono pensionista e que en Santiago viven 24.500 persoas maiores de 65 anos. Polo tanto, a media de uso non supera as 100 viaxes ao ano.
O novo contrato dos transporte urbano foi adxudicado á UTE Alcalabus-Castromil-Autobuses urbanos de Lugo (do grupo Monbus), por 118,8 millóns de euros e 13 anos de vixencia. Comezará a funcionar en outono e suporá a renovación da frota e unha mudanza nas liñas.
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”
- Una panadería de Santiago se cuela entre las mejores de España: 'Empecé vendiendo hamburguesas en Venezuela
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi