Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Partido Popular

Verea reitera o seu compromiso de reducir os prazos de pago a provedores

"Fronte aos 112 días que tarda o goberno municipal en pagar, nós comprometémonos a facelo en menos de 20", afirma

O líder do PP de Santiago, Borja Verea

O líder do PP de Santiago, Borja Verea / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reiterou o seu compromiso de situar o período medio de pago a provedores por debaixo dos 20 días, despois de coñecerse que o goberno municipal tarda actualmente 112 días de media en pagar as súas facturas.

Verea considera que este dato "volve poñer de manifesto un problema de funcionamento e de xestión" que ten consecuencias directas sobre autónomos, pequenas e medianas empresas e profesionais que prestan servizos á administración local. "Non estamos falando simplemente dunha cifra ou dun indicador administrativo. Estamos falando de persoas que fan un traballo, que teñen nóminas, impostos e gastos que pagar e que poden ter que esperar case catro meses para cobrar", sinalou.

O líder popular advertiu de que os problemas de xestión do goberno municipal non poden trasladarse a quen traballa para a administración. "Un autónomo ou unha pequena empresa non pode converterse no banco do goberno municipal. Pagar en prazo é unha obriga, pero tamén é unha cuestión de respecto por quen traballa, emprende e crea emprego na nosa cidade", afirmou.

Compromiso de reducir os prazos

Fronte a esta situación, lembrou o seu compromiso de reducir o período medio de pago en 30 días durante o primeiro ano de mandato e situalo por debaixo dos 20 días a partir do segundo. Para conseguilo, propón reorganizar o funcionamento interno do Concello, reducir burocracia, mellorar a coordinación entre departamentos, simplificar os procedementos e establecer un seguimento permanente das facturas pendentes.

"Se o goberno municipal esixe aos cidadáns que paguen os seus impostos e cumpran as súas obrigas en prazo, ten que ser o primeiro en dar exemplo. Queremos un Concello serio, áxil e puntual, que respecte tamén o tempo e o diñeiro da xente", incidiu.

Propostas lanzadas nos últimos meses

Verea enmarca este compromiso nun "modelo de Concello pensado para facilitar o día a día dos composteláns". Nos últimos meses lanzou propostas para pagar servizos municipais por bizum, de conciliación familiar ou de cociñas propias nos colexios públicos. "Todas estas propostas parten dunha mesma idea: que o Concello deixe de complicarlle a vida á xente e empece a facerlla máis fácil. Ese é o cambio que queremos para Santiago", concluíu.

Tracking Pixel Contents