Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

O Festival C pon o foco na creación colectiva e na experimentación

Amalia Fernández e o Laboratorio RPM serán protagonistas dos eventos da próxima semana

A creadora granadina Amalia Fernández

A creadora granadina Amalia Fernández / Carlos Pardellas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

O Festival C continúa a vindeira semana cunha programación que pon o foco nos procesos de creación e na participación. Entre o 10 e o 14 de agosto, a Casa das Máquinas converterase nun espazo de investigación e experimentación artística grazas ao Laboratorio RPM Prácticas en construción, unha iniciativa do Colectivo RPM en colaboración con Compostela Cultura que nesta edición estará conducida pola creadora granadina Amalia Fernández.

Durante cinco días, vinte artistas do ámbito das artes performativas participarán nun laboratorio intensivo arredor da peza En construción (2014), unha das obras máis representativas de Fernández. A proposta convida as persoas participantes a desenvolver unha versión colectiva propia da peza, explorando o corpo, o movemento e a construción escénica desde unha perspectiva colaborativa.

En construción propón asistir ao levantamento dunha escena ante o público e ao seu posterior despregamento, convertendo esa escena inicial nun punto de partida para transitar entre o teatro e a coreografía, entre o convencional e o experimental. Máis que unha peza cun final pechado, é un proxecto en permanente evolución que se reescribe, se transforma e se reconstrúe en cada nova experiencia compartida, facendo do propio proceso creativo o verdadeiro centro da experiencia escénica.

O resultado poderá verse o venres 14 de agosto, ás 20.00 horas, na Casa das Máquinas, coa presentación aberta ao público desta revisión en colectivo da peza En construción, que pechará unha semana de intercambio, aprendizaxe e experimentación escénica.

Contos no Parque

A programación da semana completarase o martes 11 de agosto, ás 18.00 horas, cunha nova sesión de Contos no Parque, promovida polo programa Apego. Os arcos do parque de Bonaval acollerán Umami, de Pérez & Fernández, un espectáculo de narración oral para público familiar a partir de catro anos que, a través do humor, a palabra e a participación, convida a descubrir historias cheas de sabor e imaxinación.

O Festival C continuará durante todo o mes de agosto cunha programación gratuíta que reúne preto de trinta actividades de circo, danza, música, poesía, cinema e propostas familiares en diferentes espazos da cidade.A información ao detalle de todos os eventos que conforman esta edición está dispoñible na web compostelacultura.gal.

Tracking Pixel Contents