Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Bouza acusa a Verea de "antepoñer a defensa da Xunta" ás necesidades do Quiroga Palacios

O socialista considera que o líder do PP local «prioriza» os intereses do goberno galego por diante dos da comunidade educativa compostelá

O secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza

O secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, criticou a postura do portavoz municipal do PP, Borja Verea, respecto da ampliación do CEIP Quiroga Palacios e acusouno de «priorizar unha vez máis a defensa da Xunta de Galicia fronte aos intereses da comunidade educativa compostelá».

Verea anunciou que levaría o asunto ao Parlamento para coñecer os «obstáculos» que tería posto o goberno local e o estado das actuacións. «Para ceder os 1.605 metros cadrados que necesita a ampliación dun colexio, o goberno municipal pretendía que Educación asumise actuacións urbanísticas sobre 14.000 metros cadrados. É difícil atopar unha explicación a unha esixencia así», dixo.

Bouza asegurou que, coñecida a posición do popular, desde o Partido Socialista non poden máis que mostrarse «novamente sorprendidos e sorprendidas» de que Verea «o único que decida, neste caso, é defender á Xunta de Galicia» en lugar de defender a ampliación tan importante que precisa este centro educativo».

O secretario xeral dos socialistas composteláns lembrou que o PSdeG xa reclamou esta actuación nas emendas aos orzamentos autonómicos para 2026 e incidiu en que «o señor Verea votou en contra». Para Bouza, esta decisión volve demostrar que «sempre que ten que decidir por apostar e por defender a Santiago, vota en contra».

Neste sentido, criticou que agora o portavoz popular «o único que fai é saír en defensa da Xunta de Rueda», cando o que debería facer é reclamar que «a Xunta de Galicia se comprometa» coa ampliación dun centro cuxa comunidade educativa leva anos demandando máis espazos e mellores instalacións.

Reclama un acordo

Fronte ao intercambio de reproches entre administracións, Bouza reclamou «tanto á Xunta de Galicia como ao Concello que se senten a falar as horas que faga falla» ata acadar un acordo que permita desbloquear definitivamente a ampliación do Quiroga Palacios.

O deputado socialista advertiu de que o prioritario debe ser «que realmente se solucione este problema» e evitar que sexa «a comunidade educativa a que padeza» as consecuencias da «falta de diálogo», da «falta de consenso» e, sobre todo, da «crispación permanente» entre a Xunta e o Concello.

Bouza insistiu en que, despois de anos de reivindicacións, as familias e o conxunto da comunidade educativa «non necesitan máis confrontación institucional». Xunta e Concello, subliñou, «o que teñen que realmente poñer enriba da mesa son solucións e non máis problemas» para unha comunidade educativa que «leva anos reclamando estas melloras, esta ampliación do centro educativo».

Bouza fai esta reclamación despois de que esta semana o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acusase ao Concello de «chantaxe» por condicionar a cesión dos terreos a actuacións nunha superficie que cifrou en 14.000 metros cadrados.

A concelleira Míriam Louzao negou esa versión e sinalou quela parcela completa ten uns 10.000 metros. Defendeu ademais que a posta a disposición dos terreos tramitouse «nun tempo récord» e que «o noso único obxectivo é que se faga a obra canto antes».

Tracking Pixel Contents