Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Universidade

"Mesturar dous idiomas require dominalos": a iniciativa da USC que desminte mitos sobre a lingüística

A iniciativa impulsada pola investigadora da USC Carmen Parafita levará, por medio de pousavasos e códigos QR, preguntas e curiosidades aos bares de Compostela e varias cidades galegas

Carmen Parafita, investigadora da USC impulsora de 'Dálle á Lingua'

Carmen Parafita, investigadora da USC impulsora de 'Dálle á Lingua' / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Eladio Lois

Eladio Lois

Santiago de Compostela

Hai conversas que nacen cun café, outras cunha cervexa e, a partir deste outono, algunhas poderán empezar tamén cun pousavasos. A USC quere sacar a lingüística das aulas e dos congresos para levala a un dos espazos máis cotiáns da vida social galega: os bares. Esa é a idea de ‘Dálle á lingua’, unha iniciativa que empregará pousavasos, códigos QR e unha competición entre locais para desmontar mitos arredor das linguas.

Prototipo dos pousavasos

Prototipo dos pousavasos / USC

Nunha das caras, os clientes atoparán información sobre curiosidades ou crenzas moi estendidas. Ao darlle a volta aparecerá un código QR que conducirá a pequenas preguntas. «A idea é que leven a máis preguntas sobre máis mitos e máis curiosidades», explica Carmen Parafita (Vilar de Céltigos, 1978), investigadora da USC e unha das impulsoras da iniciativa.

O xogo terá tamén unha clasificación. Os resultados dos clientes sumarán para o establecemento e, ao remate da campaña, haberá un bar gañador. A organización prevé ademais premios individuais. Pero a competición é só a escusa: detrás está a intención de que unha conversa sobre linguas poida xurdir no mesmo lugar no que se fala de fútbol, do tempo ou do que pasou ese día.

Desmentir crenzas

Un dos mitos que o proxecto quere combater toca especialmente de preto a Galicia. É a idea de que mesturar galego e castelán significa non falar ben ningunha das dúas linguas. «As alternancias de códigos, poder integrar dúas linguas, implica ter un gran dominio das dúas. Non o podes facer se non as dominas», sinala Parafita.

A investigadora pon o foco no chamado castrapo, unha etiqueta que pode mudar de significado segundo quen a empregue, pero que adoita levar consigo unha valoración negativa. «Hai cousas que se ven como negativas e que realmente requiren un gran dominio das dúas linguas. Non é que nos falte, é ao revés», resume.

Tamén se pretende cuestionar outra crenza habitual: que unha persoa bilingüe debe manexar as dúas linguas exactamente igual en todos os ámbitos. Na práctica, alguén pode traballar nunha lingua, falar coa familia noutra ou dispoñer dun vocabulario máis amplo nunha delas para determinadas tarefas. Iso non a converte nunha persoa «menos bilingüe».

Os bares, núcleos da fala

A elección dos bares tampouco é casual. «Na sociedade galega vivimos moito fóra, vivimos moito nos bares», apunta Parafita. O equipo quería evitar que a divulgación quedase limitada a un acto puntual en Santiago ou ao radio máis inmediato da Universidade. «Queríamos achegarnos a outras áreas, máis aló de onde está a universidade», explica.

A previsión é reunir arredor de vinte establecementos, aínda que a inscrición continúa aberta. Xa hai locais confirmados en diferentes puntos de Galicia, entre eles A Moa e o Modus Vivendi, no caso de Santiago. A organización prepara tamén un mapa interactivo no que se poderá consultar a rede completa de participantes.

Cartel del Modus Vivendi, el pub más antiguo de Santiago y Galicia

Cartel del Modus Vivendi, el pub más antiguo de Santiago y Galicia / Cedida

Datas e premios

A Liga Mente e Palabra comezará o 26 de setembro, coincidindo co Día Europeo das Linguas, e prolongarase ata o 1 de novembro. Durante esas semanas, cada resposta correcta irá facendo medrar a puntuación de cada bar.

A competición terá tamén recompensa. O establecemento que remate primeiro na Liga Mente e Palabra recibirá unha placa acreditativa, mentres que a persoa que consiga a mellor puntuación terá unha camiseta e un vale para gastar no comercio local. A organización prepara ademais outros premios sorpresa e algún detalle para os bares participantes, aínda en desenvolvemento. «O interese da iniciativa non son os premios», matiza Parafita, que insiste en que funcionan sobre todo como un incentivo para animar á xente a participar.

O proxecto nace dun equipo no que participan estudantes de máster e doutoramento, persoal investigador en distintas etapas e investigadores que acompañan a iniciativa. A intención é comprobar primeiro como funciona esta edición e, se a resposta acompaña, repetila e levala a unha escala maior. Concretamente, o grupo está composto por Sabela Morais Martínez, Hugo Parra, Sabela Treinta Lomba, Marco Bravo Rodríguez, Samuel Fentanes e Lucía Vieitez Portas.

O equipo, ao completo

O equipo, ao completo / Cedida

Porque detrás de cada pregunta no móbil hai unha ambición bastante máis grande ca gañar unha liga de tabernas: que conceptos que adoitan quedar encerrados na academia se discutan sen solemnidade, entre pratos, cuncas e vasos. Que a lingüística deixe por un intre a mesa do despacho e sente na do bar.

Tracking Pixel Contents