Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Obradoiros de verán

A maxia do circo ilusiona a cativada no Parque de Galeras

A compostelá compañía Circonove imparte talleres das artes circenses para os máis pequenos da casa. De balde, con inscrición previa, rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos aprende malabares ou funambulismo antes de volver ao cole

Os participantes no obradoiro do luns 17, na Casa das Máquinas, practicando malabares

Os participantes no obradoiro do luns 17, na Casa das Máquinas, practicando malabares / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Equilibristas, malabaristas, pallasos... todo iso son Paula Quintas e Arturo Coba, da compañía Circonove. Ambos os dous foron estes luns os monitores dos obradoiros que o Concello de Santiago organiza en colaboración coa empresa compostelá, durante todo o ano, e con especial énfase no mes de agosto. Dende o 3 até o 31 de agosto desenvólvense estes talleres para rapazada de 6 a 14 anos entre a Casa das Máquinas e o Parque de Galeras.

De balde, previa inscrición, aínda queda ocasión de poder participar os días 19, 21, 24, 26, 28 e 31 de agosto. Unha forma óptima de despedir o verán, aprender e gozar das artes do movemento antes de volver ao colexio e tamén, e hai que dicilo, favorecer a conciliación laboral e familiar no remate das vacacións estivais dos máis cativos.

Así o gozaban este luns unha ducia de nenos e nenas que, da man de Paula Quintas e Arturo Coba comezaron o seu adestramento para a experiencia malabar e equilibrista na Casa das Máquinas, para logo pasaren ao Parque de Galeras e aprender a moverse nun slackline... Unha corda frouxa, ou non tan frouxa, para traballaren o equilibrio e gozar da actividade nun contexto exterior.

A equilibrista Paula Quintas explicou en conversa con EL CORREO GALLEGO como están a ser as actividades, o obxectivo global que perseguen no desenvolvemento da cativada e mais a satisfacción dos pequenos logo de participaren nos talleres.

A cativada practicou diferentes exercicios na Casa das Máquinas antes de saír ao Parque de Galeras

A cativada practicou diferentes exercicios na Casa das Máquinas antes de saír ao Parque de Galeras / Jesús Prieto

Máis que un curso, unha experiencia de corresponsabilidade

A cada un dos obradoiros de circo que se desenvolven dende comezos de agosto no Parque de Galeras poden asistir os nenos e nenas sen necesidade de inscribírense en todos, senón naquel que lles sexa máis acaído, aos seus intereses ou as necesidades de conciliación das súas nais e pais. "Algúns repiten, outros veñen por vez primeira", apunta Paula Quintas, que reivindica a cuestión global dos talleres: "engloban as diferentes disciplinas circenses".

Disciplinas que este luns se centraban nos malabares e mais no equilibrismo ou funambulismo, camiñar na corda frouxa, pero "o circo é moi amplo dentro das artes do movemento, dende malabares a outro tipo de técnicas, como as aéreas ou as do equilibrismo". Como ben lembra Quintas, en cada un dos talleres un dos monitores de Circonove ensina a súa disciplina, a dela, o equilibrismo.

Pero alén de todo isto, o fundamental do Circo no Parque, neste verán de 2026, do que se trata é de conseguir "unha experiencia de comunidade, un sentido da cooperación e da corresponsabilidade". Así define Paula Quintas os talleres para a cativada, "unha xornada distinta, lúdica, de verán".

Slackline no Parque de Galeras

Na Casa das Máquinas rapazas e rapaces xogaron e adestraron disociando a linguaxe e o movemento. O 2 implicaba un salto e dicir un 3 ao rematar, por exemplo. Camiñaron en círculos, cada un e cada unha co seu traxecto particular, fixeron malabares... E como colofón final saíron ao Parque de Galeras a experimentar o seu equilibro no slackline, unha cinta na que poñer a proba o poder do corpo e da mente.

"O slackline permítenos facer facilmente a montaxe", explica Quintas, para non perder un segundo e poder "gozar do corpo en equilibrio, entender como o corpo vai basculando para poder ir dun punto A a un punto B".

E para este adestramento a idade non é impedimento. Os cativos, coma os maiores teñen que afrontalo segundo o seu carácter. "O equilibrio é algo que está no ser humano e que temos que espertar", di a equilibrista Paula Quintas. E para esta tarefa "hai cativos cun punto máis determinado de visión e outros máis soltos", os que fixan o punto B con moita claridade, os que se moven na corda con maior despreocupación... e tamén os que, chegado un momento, até poden aburrirse.

Non hai éxito nin fracaso, hai unha aprendizaxe para descubrir a arte do equilibrio, o circo, sendo non só espectadores senón protagonistas. Ao tempo que exercitan corpo e mente porque "afortunadamente o circo engloba todo: coordinación, destreza, habilidade, forza, flexibilidade...".

Até o 31 de agosto, a cativada de Compostela aínda pode descubrir o divertido que é o circo, dende dentro.

Tracking Pixel Contents