Universidade
Unha investigación da USC analiza o impacto dos eólicos en Lanzarote
A profesora da USC Rosa María Regueiro dirixe un estudo para abordar as repercusións ambientais, sociais e económicas da expansión desta enerxía

A profesora da USC Rosa María Regueiro / Cedida
Rosa María Regueiro, profesora do departamento de Economía Aplicada da USC, acaba de dirixir o informe titulado ‘Diagnóstico do impacto potencial do desenvolvemento eólico integral nas illas Canarias e, en particular, na illa de Lanzarote’, un estudo encargado en 2025 pola Fundación César Manrique co obxectivo de analizar as posibles repercusións ambientais, sociais e económicas do despregamento da enerxía eólica no Arquipélago. O informe advirte de que unha expansión non suficientemente planificada dos parques eólicos terrestres podería comprometer a superficie agraria útil dispoñible na illa. Ademais de Rosa Regueiro, asinan o documento Torcuato Teixeira, avogado e especialista en Economía Pesqueira pola USC, e Damiano Volpi, técnico ambiental.
Regueiro sostén que non existen datos fiables sobre a creación de emprego no sector eólico: é un sector intensivo en canto ao capital, pero non en canto ao emprego que xera. En Lanzarote, o 90% da xeración eléctrica segue sendo fósil e aínda non se pode apostar por unha tecnoloxía de xeración intermitente sen resolver a xestión dos seus picos de produción e consumo. O ciclo integral da auga consome máis do 13% da enerxía anual producida e Lanzarote é a única illa na que a hostalaría consome máis enerxía que os fogares. A profesora indica tamén que a función da eólica e a fotovoltaica segue sendo complementaria dentro do sistema enerxético e que ningunha tecnoloxía ten un impacto cero. Rosa Regueiro destaca a importancia da participación pública no modelo eólico e compara a eólica mariña, que non se asenta sobre o sector público, e a terrestre, que en Lanzarote de momento está na súa maioría en mans públicas.
Damiano Volpi céntrase na afectación do territorio, sinalando que os parques eólicos terrestres afectarían case o 5% «dunha superficie agraria útil dunha illa que xa perdeu 1.323 hectáreas cultivables nos últimos trinta anos». Torcuato Teixeira expresa, pola súa parte, a importancia de poñer o foco na eólica mariña por parte da FCM, xa que afecta o sector pesqueiro que está desprotexido. Afirma que os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo proxectan dous posibles parques eólicos na Illa, que teñen un enorme impacto, tanto no medio como visual.
Recomendacións do estudo
A recomendación máis urxente e necesaria do informe consiste en realizar un estudo científico das afectacións sobre a contorna, flora e fauna, «para coñecer o impacto global do negocio eólico». Tamén se fai fincapé na democratización do acceso á enerxía, cun modelo sustentable e equitativo, e previr a súa privatización mediante a aplicación dunha participación activa que dea prioridade á seguridade e a soberanía alimentaria. No caso da eólica mariña, as persoas especialistas expoñen solicitar a suspensión cautelar dos proxectos. Lanzarote «é un territorio fráxil», sostén Regueiro, quen defende que non se deben substituír uns impactos por outros, nin converter as comunidades costeiras en zonas de sacrificio do novo modelo enerxético. «A terra e o mar son sustento, memoria, cultura e atractivo turístico», conclúe.
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Las fiestas de a Nosa Señora da Mercé de Conxo vuelven con música, pulpo y un emotivo homenaje a Kiko Fernández
- Christian Gálvez vuelve a Galicia: «Elegí Jacob para el ‘prota’ del libro que abre la saga como homenaje a Santiago»
- La Panadería Moure dice adiós a Pontepedriña tras más de 70 años: «Los clientes venían porque les gustaba nuestro pan, pero también por el trato»
- El pub de Santiago donde la gente se reúne para hablar de la muerte: 'Aquí nadie te juzga ni te mira raro
- El negocio de Santiago con 136 años que se adelantó a la venta online: 'El Internet de antes eran los buses