Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mobilidade

A alcaldesa lamenta a demora no contrato do transporte urbano por mor do recurso presentado ante o Tacgal

Sanmartín é optimista de cara á resolución deste asunto porque «o traballo da mesa de contratación e os informes son moi sólidos»

Un autobús urbano pola zona de San Roque

Un autobús urbano pola zona de San Roque / Antonio Hernández

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

O 23 de xullo o goberno de Santiago adxudicou o contrato de transporte urbano a unha UTE (Unión Temporal de Empresas) da compañía Monbus. Unha adxudicación que provocou o 11 de agosto un recurso da empresa que quedou en terceiro lugar, Martín S.A., diante do Tacgal (Tribunal Administrativo de Contratación Pública). Sobre esta cuestión falou onte a alcaldesa Sanmartín explicando que «o recurso reclama que se retrotraian as actuacións para excluír a empresa gañadora e para que se volva a valorar a que ficou en terceiro lugar».

«No informe técnico-xurídico enviado, apoiado cunha análise pericial, xustifícanse detalladamente cada unha das cuestións alegadas e entende que dan cumprida conta de que non son admisibles ningunha das cuestións recorridas», afirmou a rexedora Sanmartín en rolda de prensa. Ademais, a alcaldesa explicou que este tipo de recursos «son habituais nos grandes contratos, como xa ten acontecido na fase de aprobación do expediente».

A rexedora municipal defendeu que este goberno impulsou un modelo cun deseño de novas liñas, estendéndoas ao rural e ampliando os horarios para dar servizo nocturno, e fíxose un importante esforzo técnico para elaborar un expediente rigoroso.

Polo tanto, foi contundente afirmando que o goberno local «é optimista», a pesar de que «nos preocupa que se presentase un recurso porque, aínda que o traballo realizado pola mesa de contratación e os informes de avaliación son moi sólidos, cando menos estase xerando unha demora».

Na resposta remitida ao Tacgal, aclárase o relativo aos custos que recolle a oferta, que o cumprimento dos convenios se ten que verificar durante a execución do contrato e que a mesa de contratación non pode presupor incumprimento en tanto non se dea unha baixa temeraria. Tamén se aclaran outros conceptos sobre os fluxos económicos.

No relativo ás alegacións contra a oferta da empresa adxudicataria, o informe municipal expón que a recorrente confunde a solvencia económica e técnica (en relación á adscrición dunha empresa de enxeñería para a estación de servizo, por exemplo).

«Temos unha gran confianza en que se fixo un bo traballo e que o resultado será favorable, mais teremos que agardar a resolución que, en principio, ten un prazo de dous meses para ser emitida», explicou Goretti Sanmartín, que asegurou que neste tempo o Concello de Santiago segue avanzando coa ordenanza que regule o prezo dos billetes.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents