Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Eleccións municipais 2027

Diego Adrián Mallo renuncia á súa candidatura á alcaldía de Santiago: “Chegou o momento de aceptar que necesito parar”

O candidato de UCIN deixa a súa carreira electoral tras meses marcados por diferentes dificultades persoais e varios procesos xudiciais

Diego Adrián Mallo, ex candidato a alcaldía de Santiago con UCIN.

Diego Adrián Mallo, ex candidato a alcaldía de Santiago con UCIN. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Saínza Seoane

Santiago

Diego Adrián Mallo Cao presentou oficialmente a súa candidatura á Alcaldía de Santiago por UCIN (Unión de Cidadáns Independientes) a mediados de xuño, e hoxe, dous meses e medio despois, anunciou a súa renuncia vía redes sociais.

O compostelán confesaba que debía priorizar a súa saúde mental coma “un acto de responsabilidade, sinceridade e respecto a min mesmo, para as persoas que me acompañaron e para a cidade que aspiraba a representar”. O antigo aspirante á alcaldía confesa que durante os últimos meses acumulou diferentes situacións difíciles coma o falecemento da súa nai, un proceso de divorcio, as consecuencias físicas e emocionais dunha agresión sufrida e un proceso xudicial por un despedimento, para el, improcedente xa que estaba de baixa.

Todas as circunstancias tiveron un forte impacto na súa vida, por iso asegura que decide parar como acto de responsabilidade: “Esta decisión non é unha derrota nin unha fuxida, é un acto de responsabilidade, sinceridade e respecto para min mesmo, para as persoas que me acompañaron e para a cidade que aspiraba a representar”.

No seu vídeo agradece a todos aqueles que lle acompañaron no seu breve proceso e os comentarios están repletos de diferentes usuarios mandándolle ánimos e felicitándolle pola súa honestidade.

Un proxecto que buscaba ser unha alternativa centrada “nas necesidades reais dos composteláns”

Durante a presentación no mes de xuño, Diego Adrián Mallo Cao destacou no seu programa a “necesidade de construír unha alternativa municipal centrada nos barrios, no rural e nas necesidades reais dos composteláns e compostelás, baseada na proximidade, a transparencia e a participación cidadá”, tendo como obxectivo principal mellorar a calidade de vida da veciñanza e formar un concello máis próximo, eficiente e orgulloso da súa identidade.

Na oficialización da candidatura destacou a importancia da confianza e da honestidade, recalcando que “a confianza non se pide, gáñase”, e do mesmo xeito retirou a súa proposta: “Debo ser honesto conmigo mesmo e coa veciñanza”.

Os composteláns decidirán en 2027 o futuro do Concello de Santiago e, ata ese momento, os diferentes partidos políticos presentarán aos seus candidatos e comezarán as campañas electorais. Tanto o BNG como o PPdeG presentaranse con Goretti Sanmartín e Borja Verea, os mesmos candidatos que no ano 2023.

Tracking Pixel Contents