Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A exposición ‘Mulleres en Gaza’ pecha o programa Compostela máis Solidaria

A mostra narra o xenocidio en Gaza a través de 20 acuarelas das artistas palestinas Nour e Anwar Abu Rayan, e poderase visitar no centro sociocultural do Castiñeiriño

‘Mulleres de Gaza’ é unha colección de vinte acuarelas.

‘Mulleres de Gaza’ é unha colección de vinte acuarelas. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

R. S.

Santiago

A exposición Mulleres en Gaza pechará neste mes de setembro a décima edición de Compostela máis Solidaria, o programa que desenvolve a Coordinadora Galega de ONGD en colaboración coa Unidade Municipal de Atención ás Migracións do Concello de Santiago. A mostra narra o xenocidio en Gaza a través de vinte acuarelas das artistas palestinas Nour e Anwar Abu Rayan, e poderase visitar no centro sociocultural do Castiñeiriño ata o 24 de setembro. A inauguración está prevista para o próximo día 2.

Mulleres de Gaza amosa as infancias rotas, a vulnerabilidade das nais xestantes, a morte, as penurias e a incerteza cotiás na Franxa de Gaza. Trátase de obras das artistas palestinas Nour e Anwar Abu Rayan, que poñen ás mulleres no centro como parte fundamental do relato histórico e reivindican os seus dereitos e os do seu pobo, vulnerados tras décadas de ocupación e case tres anos de ataques sistemáticos sobre a poboación civil.

A exposición, que xa visitou Euskadi e Extremadura, chega por primeira vez a Galicia no marco do programa Compostela máis Solidaria, coa colaboración da ONGD Asamblea de Cooperación por la Paz e a organización palestina Psychosocial Counseling Center for Women.

Mulleres de Gaza estará aberta ao público do 3 ao 24 de setembro no centro sociocultural do Castiñeiriño, que será tamén o centro dun programa de actividades sobre Palestina codeseñado entre Compostela máis Solidaria e a asociación cultural Amigos do Castiñeiriño, a asociación de mulleres Recandea –tamén vinculada a este barrio compostelán– e a asociación de veciños do Castiñeiriño.

A programación comezará coa inauguración da exposición o mércores 2 de setembro, a partir das 19.00 horas. Neste acto, a ONGD galega Asemblea de Cooperación pola Paz e a súa socia palestina Psychosocial Counseling Center for Women explicarán a situación a día de hoxe en Gaza e Cisxordania. Tamén está prevista a actuación da coral Amigos do Castiñeiriño e unha achega á gastronomía tradicional palestina.

Encontro coa xornalista e escritora Teresa Aranguren

O programa deseñado arredor da exposición contempla varias actividades ao longo do mes de setembro, algunhas delas dirixidas especialmente á veciñanza do barrio e outras abertas á cidadanía, como o encontro coa xornalista e escritora Teresa Aranguren sobre o seu último libro, Palestina, la existencia negada. Será o 17 de setembro, ás 19.30 horas, no centro sociocultural.

A exposición Mulleres de Gaza pechará a súa estancia en Compostela o 24 de setembro cun acto de despedida organizado pola veciñanza. Coa súa clausura pecharase tamén a décima edición de Compostela máis Solidaria, logo de que o programa de sensibilización que desenvolve a Coordinadora Galega de ONGD en colaboración co Concello de Santiago, a través da súa Unidade de Atención ás Migracións (UAMI), ofrecera esta primavera varios obradoiros, así como a xornada de encontro coa cooperación galega Compostela co Sur Global.

Tracking Pixel Contents