Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xunta de goberno

Raxoi adxudica por 174.000 euros unha cuberta téxtil para o parque infantil das Fontiñas

Queda deserto o concurso para instalar unha estrutura similar na praza da Constitución

Parque infantil entre as rúas de Lisboa e de Berna, en Fontiñas

Parque infantil entre as rúas de Lisboa e de Berna, en Fontiñas / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manu López

Manu López

Santiago

O goberno municipal de Santiago adxudicou onte a instalación dunha cuberta téxtil no parque infantil das Fontiñas, situado entre as rúas de Berna e Lisboa. Os traballos serán executados pola empresa Arquitectura Textil por 174.143,20 euros, IVE incluído, e teñen un prazo de cinco meses. A adxudicación corresponde ao lote 1 do contrato para instalar cubertas nos parques das Fontiñas e da praza da Constitución, licitado en abril por case 400.000 euros. O segundo lote quedou deserto ao non presentarse ofertas.

A estrutura das Fontiñas será metálica e contará cunha membrana de poliéster recuberta de PVC, branca e translúcida, impermeable, ignífuga e resistente ao vento e á radiación solar. O parque ocupa uns 500 metros cadrados e a solución deberá integrarse coa vexetación e protexer da chuvia todos os xogos.

Obras no pavillón de Monte dos Postes

A Xunta de Goberno adxudicou ademais por 63.946,18 euros á firma Deseño Enxeñaría e Xestión de Obras a reparación das instalacións contra incendios do polideportivo do CEIP Monte dos Postes. A intervención permitirá recuperar o aforo de 930 persoas, reducido a 100 desde 2020 polas deficiencias detectadas nas vías de evacuación e nos sistemas de protección contra o lume. O prazo de execución é de dous meses e será compatible co funcionamento do colexio.

Entre os demais acordos, o executivo local aprobou o reaxuste de anualidades e a prórroga por dous anos, ata o 1 de setembro de 2028, do contrato con Aceinsa Movilidad para a sinalización horizontal e vertical e os elementos de balizamento. A prórroga ascende a 1.300.024,10 euros.

Visitas ao Pazo de Raxoi

O Concello autorizou tamén a posta en servizo das plantas segunda e terceira do Pazo de Raxoi tras finalizar as obras, co obxectivo de realizar visitas turísticas de carácter histórico, arquitectónico e artístico. As visitas guiadas, previstas antes de que remate o ano, permitirán coñecer o interior do edificio e espazos vinculados á súa memoria, como a antiga cadea da Falcona.

Tamén se deu luz verde á a concesión de subvencións para o fomento de programas e actividades en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo LGBTIQ+ para o ano 2026.En total, concedéronse axudas por un importe de 22.400 euros a oito entidades beneficiarias, con 2.800 euros para cada unha.

Por último, tamén se aprobaron convenios de atención bucodental coa USC e dun campamento urbano co Don Bosco. Ademais, autorizouse a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora das coleccións bibliográficas dos CSC.

Tracking Pixel Contents