Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Municipal

Rozas asegura que as eleccións de 2027 non van xerar tensión na coalición de CA e BNG: "Este goberno foi un exemplo"

A tenenta de alcaldesa afirma que seguirán facendo "un exercicio de diálogo e de bo entendemento" porque iso é "o que importa cara aos veciños e veciñas de Santiago"

A tenenta de alcaldesa e voceira de Compostela Aberta, María Rozas

A tenenta de alcaldesa e voceira de Compostela Aberta, María Rozas / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manu López

Manu López

Santiago

A tenenta de alcaldesa e portavoz de Compostela Aberta, María Rozas, rexeitou este mércores a posibilidade de que a proximidade das eleccións municipais de 2027 provoque unha maior tensión entre os socios do goberno de coalición de Santiago. Rozas proclamou que o executivo foi durante máis de tres anos "un exemplo de como os gobernos de coalición poden funcionar" e de como é posible "centrarse no que nos une e non no que nos diferencia".

Rozas defendeu o diálogo como base da relación entre as dúas formacións, sinalando que "temos diferenzas, somos diferentes formacións políticas con liñas en común, pero tamén con cuestións diferentes", sinalou. Fronte a iso, asegurou que CA continuará facendo "un exercicio de diálogo e de bo entendemento", ao considerar que iso é "o que importa cara aos veciños e veciñas de Santiago". Tamén rexeitou unha estratexia baseada na confrontación entre socios: "Eu non me sinto representada nesta política que ás veces se exerce de ruído constante e polémica constante".

Ao mesmo tempo, considerou natural que Compostela Aberta poña en valor a súa xestión dentro da coalición. "Eu son a portavoz de CA, creo que me corresponde reivindicar o feito nas concellerías que temos responsabilidade", afirmou. Segundo explicou Rozas, parte desas actuacións "están no ADN" da organización e outras formaban parte dos compromisos asumidos na campaña electoral de 2023.

Disposición a chegar a acordos

Sobre a posibilidade de repetir unha coalición despois das municipais de 2027, evitou anticipar escenarios, aínda que deixou clara a disposición da súa formación a pactar. "Compostela Aberta sabe chegar a acordos, que é a esencia da democracia", afirmou. A tenenta de alcaldesa quixo contrapoñer esta posición coa do Partido Popular ao indicar que "estes días escoitamos ao señor Borja Verea falar das diferenzas da esquerda e presentar o PP como unha opción estable para Santiago, pero o que non conta é a súa incapacidade para chegar a acordos".

Rozas, que esta semana amosou a súa disposición a repetir como cabeza de lista da formación rupturista, subliñou, que o seu obxectivo pasa por mellorar a súa posición nas próximas municipais. "No 2027 aspiramos a ter unha posición diferente da que tivemos neste goberno, porque aspiramos a unha maior representación", indicou. A formación de posibles alianzas, insistiu, deberá quedar para despois das urnas: "Cando cheguemos ás eleccións do 2027, falaremos". Ata entón, chamou a centrarse nos proxectos pendentes do actual mandato.

Continuidade do modelo de Compostela Aberta

En canto á propia continuidade de CA, asegurou que a organización manterá de cara a 2027 o modelo co que naceu en 2015. "Compostela Aberta decidiu hai tempo ser fiel ás súas orixes", afirmou. Definiu a formación como "a casa de diferentes sensibilidades" e destacou que nela se senten representadas tanto persoas vinculadas a distintas correntes políticas como outras sen adscrición partidaria.

A portavoz descartou así un cambio na identidade electoral da formación. "Tal e como funcionou desde 2015 vai continuar funcionando", asegurou, para concluír que "Compostela Aberta segue sendo fiel ás súas orixes e continuará o sendo no 2027".

Tracking Pixel Contents