Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Conectividade aérea

Valoración positiva do turismo este verán dende Raxoi: xuño e xullo contaron, cada un, con máis de 150.000 visitas

Consolídase o turismo internacional en xullo, cuarto mes consecutivo no que se superaron as visitas estatais subindo un 8,34%

Turistas pasean pola cidade histórica de Compostela

Turistas pasean pola cidade histórica de Compostela / Antonio Hernández

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

O goberno local fixo este mércores unha primeira valoración dos datos de turismo e estadías na cidade durante os meses de verán, pese a non estaren aínda dispoñibles os datos de agosto no portal do INE (Instituto Nacional de Estatística). Con todo, a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, quixo destacar que "podemos facer unha valoración positiva".

Á vista dos datos de xuño e xullo, Raxoi asegura que "estamos estabilizando a demanda turística de Compostela nunhas cifras moi relevantes, con máis de 150.000 estadías en cada un dos meses". A concelleira Míriam Louzao fixo en rolda de prensa un relatorio das novas rutas aéreas que conectan Compostela con Ámsterdam, Cork ou Frankfurt para destacar a "consolidación de Santiago como destino internacional". Unhas melloras que "permitiron que xuño e xullo do ano pasado tivese uns niveis de estadía moi similares aos mesmos meses do ano pasado, pese a non ter a base de Ryanair. "Convertemos unha crise nunha oportunidade", sentenciou Louzao.

Segundo os datos que achega Raxoi, "xullo foi o cuarto mes consecutivo no que o turismo internacional superou o doméstico", subindo un 8,34%. Mentres en termos anuais as visitas de fóra do estado xa suman o 56% das estadías (416.043), fronte ao 44% do turismo estatal.

A concelleira remarcou que esta maior presenza de turistas internacionais tamén deixan un gasto medio superior, que rolda os 235 euros, "un crecemento de 5% respecto do mesmo mes do ano pasado". E un incremento "aínda maior, se o comparamos cos anos precedentes, ou un salto importante, por exemplo, en xullo de 2022, o prezo medio foi de 39 euros".

A saída de Ryanair de Lavacolla

Louzao lembrou que "a demanda turística de Santiago viviu un periodo moi complexo tras o peche da base de Ryanair a finais de outubro do ano pasado".

Recoñeceu que a saída desta compañía tivo "un impacto importante e directo, tanto no tráfico do aeroporto como no número de estadías na cidade, especialmente nas procedentes do resto do Estado". Puxo en valor o traballo "dende o inicio do mandato" en reorientar o modelo turístico cara a diversificación e en reducir o impacto da retirada de Ryanair.

Neste sentido, a edil de Turismo destacou que, incluso coas obras no aeroporto Lavacolla-Rosalía de Castro, durante 35 días de 2025, "todo este traballo foi unha variable moi importante para que o aeroporto puidese reabrir o 28 de maio co voo transoceánico procedente de Nova York, da compañía estadounidense United Airlines". Unha compañía que vai seguir operando en 2027.

Perspectivas para o último tramo do ano

A concelleira de Turismo afirmou que as perspectivas do goberno en relación cos meses que lle quedan a 2026 tamén son positivas en base a tres eixos de traballo de Turismo de Santiago: desestacionalización, turismo de congresos e mellora da conectividade aérea.

Louzao felicitouse polos resultados da campaña de turismo deste ano, centrada precisamente na atracción de congresos á cidade e mencionou entre outros encontros con máis de 500 asistentes, coma o Congreso Nacional de Estatística e Investigación Operativa, en desenvolvemento agora. Pero tamén fuxo o foco no Congreso Semergen de Médicos de Atención Primaria, que chega o 7 de outubro e vai contar con máis de 5.000 asistentes, ou o da Sociedade Española de Endocrinología, a finais do mesmo mes "con 1.200 participantes previstos".

Fly2Galicia

A concelleira Míriam Louzao aproveitou a súa intervención diante da prensa para recalcar a postura do goberno local ante a polémica xerada coa turoperadora Fly2Galicia, da que se sospeita poida ter "a través de intermediarios" vínculos con Israel.

"A consolidación dun proxecto que engade conectividade do aeroporto Rosalía de Castro é sempre unha boa nova", afirmou Louzao para recalcar que "non cabe ningunha dúbida do compromiso deste goberno co pobo palestino e contra o xenocidio que está a sufrir". Neste sentido, a edil asegura sobre a polémica que "non teño ninguna certeza, pero tampouco teño dúbidas de que hai intereses en que isto non se consolide".

"Non cabe ningunha dúbida do compromiso deste goberno co pobo palestino e contra o xenocidio que está a sufrir".

Míriam Louzao

— Concelleira de Turismo de Santiago

Con todo, Louzao reafirmouse en que o Bipartito segue á espera de que o Estado, tal e como anunciou o ministro de Consumo, aclare as dúbidas sobre as relacións da turoperadora con Israel. De confirmárense a edil reiterouse en que esta relación non se consolidaría e insistiu en que o contacto coa empresa non tivo ningunha implicación económica.

Para resolver definitivamente a polémica, Míriam Louzao comparecerá no vindeiro pleno para dar conta do proceso de conversas con Fly2Galicia para que "remate xa o regueiro de mensaxes oportunistas, infames e mentiras que tivemos que escoltar estes días e que ningún ben e fan á imaxe de Compostela".

Con todo, na mesma xornada o concelleiro socialista Sindo Guinarte reiterábase nas críticas ao goberno local, que nun primeiro momento "gabouse" do contacto con esta turoperadora "e desvinculase" unha vez que xorden as sospeitas sobre as súas relacións con Israel.

Tracking Pixel Contents