Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Agrupación Local do Partido Galego xa foi presentada en Santiago

Beatriz Estévez, elixida nova secretaria local, expuxo as propostas para mellorar a cidade

Santiago. O Partido Galego presentou este venres á persoa que se vai encargar da Secretaría Local da agrupación no Concello de Compostela. Dentro da estratexia de presentación de candidaturas nas sete cidades máis grandes de Galicia, o Partido Galego continuou en Santiago coa ronda de presentacións públicas. Neste acto estiveron presentes varios membros da Agrupación Local e da Executiva Nacional, entre eles a secretaria de Finanzas e o secretario de Coordinación Xeral, arroupando a Maxi Vázquez e Beatriz Estévez como representantes da Agrupación de Compostela.

Abriu o acto Maxi Vazquez como voceiro do Partido e membro da agrupación de Santiago, que fixo unha introdución sobre a constitución do partido, todos os beneficios que conleva para Galicia o seu partido, e os pasos que se están dando en orde á consolidación do proxecto cara as municipais 2023, “camiñanado con moita forza” e incidindo na idea da “política útil” do Partido Galego.

Beatriz Estévez, licenciada e doutorada en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, é a nova secretaria local da capital galega, e desenvolve a súa actividade profesional como avogada e mestra. Na súa intervención incidiu fortemente na necesidade de darlle un cambio político ó Concello de Santiago.

PROPOSTAS DO PARTIDO A NIVEL MUNICIPAL. Beatriz Estévez, na presentación, explicou resumidamente as nove propostas do PG para o Concello de Santiago: En primeiro lugar, elaborar un plan estratéxico de cidade para medio/longo prazo. A isto, ademais, habería que sumar no curto prazo a mellora da habitabilidade da cidadanía.

A dinamización comercial e empresarial do barrio do ensanche, a dotación de máis servizos para o casco histórico, e a humanización e dotación de servizos para o extrarradio e o rural compostelán serían as tres seguintes medidas, acotadas por zonas.

A continuación, remarcou a necesidade de poñer en valor o aspecto universal da cidade, a través do desenvolvemento de accións de alto impacto cultural, social e económico.

Incrementar a seguridade en toda a cidade a nivel xeral, e en especial, centrándose en determinados barrios da mesma (San Pedro ou Sar, por exemplo) onde a ocupación de vivendas e o tráfico de drogas están a supor unha grande preocupación para a cidadanía, os veciños de ditas rúas, e para moitos emprendedores en particular.

Tamén destacou a vontade de axilizar e priorizar a conexión da estación intermodal co aeroporto Rosalía de Castro, en Lavacolla, así coma de reforzar a liña de ferrocarril con Vilagarcía, por ser este concello, xunto con Padrón, as principais entradas marítimas a Compostela.

Por último, incidiu na urxente necesidade dun plan de turismo de calidade, tendo en conta as permanencias ou pernoctacións na capital de Galicia e na súa área metropolitana. D.Seijas

24 sep 2022 / 19:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito