Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A biotecnolóxica Diversa brinda terapias innovadoras en pacientes sen tratamento

Creada co apoio do programa Ignicia da Xunta, pretende dotar a investigadores e empresas da tecnoloxía necesaria para avanzar

A spin-off Diversa Technologies da Fundación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e do Servizo Galego de Saúde constitúe unha das nove compañías de biotecnoloxía creadas ao abeiro do programa Ignicia da Xunta de Galicia, desenvolvido en colaboración coa Fundación Barrié. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou en Compostela os laboratorios de Diversa, do IDIS, liderados pola investigadora María de la Fuente.

Desde a súa posta en marcha en 2016, Ignicia ten apoiado 23 proxectos cun investimento de 10,2 millóns de euros, 67 empregos de alta cualificación creados polas nove spin-off constituídas, 10 acordos de licenza asinados e sete operacións de investimento por importe de preto de 3,7 millóns de euros.

Argerey destacou a importancia de transferir os resultados da investigación excelente que realizan os centros de coñecemento galegos ao mercado para poñer a disposición da sociedade solucións innovadoras que melloren a súa calidade de vida, como esta tecnoloxía que permite desenvolver terapias máis eficaces e ofrecer solucións a necesidades médicas non resoltas.

Diversa Technologies é unha spin-off biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), cuxo obxecto é a comercialización de nanotecnoloxía para a liberación controlada de fármacos e biomoléculas terapéuticas, coa fin de favorecer o desenvolvemento de medicamentos avanzados e achegar solucións a necesidades médicas non cubertas.

O proxecto a partir do que naceu Diversa recibiu o apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia na convocatoria de 2018 cun investimento de 456.500 euros. A participación neste programa permitiulles transformar unha tecnoloxía innovadora -un novo tipo de nanosistemas adecuados para transportar fármacos e biomoléculas terapéuticas a dianas de difícil acceso a nivel intracelular- nunha empresa de base tecnolóxica.

Ademais da validación técnica e comercial da tecnoloxía, o apoio deste programa permitiulle incorporar persoal técnico e de desenvolvemento de negocio de alto nivel ao equipo da compañía, fundada por María de la Fuente, Abi Judit Vázquez e Rafael López. Por último, posibilitou a validación do modelo de negocio da compañía e a proba de concepto da tecnoloxía, así como a atracción de distribuidores europeos e investidores.

NEGOCIO. Asemade, este proxecto participou na primeira convocatoria da incubadora de alta tecnoloxía BioIncubaTech, especializada na transferencia de biotecnoloxía aplicada á saúde e ás tecnoloxías alimentarias, da Universidade de Santiago de Compostela, financiada pola Fundación Incyde, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago e Uninova e o apoio da Xunta de Galicia. A participación neste programa proporcionoulles infraestruturas e apoio na validación do modelo de negocio.

Por último, recibiu unha axuda do Igape por importe de preto de 260.000 euros, no marco das axudas para novos emprendedores cofinanciada pola Unión Europea, Fondos Feder Galicia 2014-2020 Unha maneira de facer Europa, así como pola aceleradora SPIN UP que se enmarca no Programa INTERREG V-A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020 no eixo prioritario 2 Crecemento integrador a través dunha cooperación transfronteiriza a favor da competitividade empresarial.

Proxecto
Avances

··· Foi seleccionada como unha das empresas de maior potencial no evento LaconNetwork e pola Society for Laboratory Automation and Screening (SLAS) para participar na feira SLAS2022 en Boston entre o 5 e o 9 de febreiro deste ano.

··· Participou na primeira convocatoria da incubadora de alta tecnoloxía BioIncubaTech, especializada na transferencia de biotecnoloxía aplicada á saúde e ás tecnoloxías alimentarias.

22 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito