Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Caldo e Habelas Hainas tocarán esta noite a partir das 21.00 h na penúltima xornada do Feito a Man TEXTO A. Bernárdez

“A cultura debería ser accesible pero non gratuíta”

Chega a penúltima xornada do festival Feito a Man coa actuación de Caldo e Habelas Hainas, dúas formacións centradas na música folk que subirán ao escenario do parque de Bonaval para facer vibrar ao público con músicas modernas que, sen embargo, están baseadas en ritmos moi tradicionais.

Anaïs Barbier, cantante de Caldo, fálanos da situación actual da música folk e convida a todos os composteláns a acudir esta noite, ás 21.00 horas, ao parque de Bonaval para que poidan desfrutar da mellor música en directo.

Como afectan as restricións sanitarias á música folk, que soe estar relacionada coa festa e tamén coas multitudes?

Pois afecta bastante. Tiñamos concertos para os meses de marzo, abril e maio e canceláronse todos, incluso iamos tocar en Madrid e Oviedo. De todas formas, agora no verán foron saíndo outras oportunidades, moitos concellos tiveron que apostar polos pequenos formatos en vez de traer a xente de fora, e iso dalgunha forma benefícianos aos grupos galegos que xuntamos a menos público e temos máis facilidade para desprazarnos por aquí. É unha sensación estraña, por un lado estamos contentas porque temos concertos marcados, pero por outro está claro que as medidas non son cómodas.

Como pensades que vive o público esta situación?

Creo que non podemos pensar que os concertos van ser iguais, porque non o son. Temos que adaptarnos a esta ‘nova normalidade’, pero o certo é que ten pouco de ‘normalidade’. Incluso o feedback co público non é o mesmo. É certo que se poden desfrutar, pero tamén depende moito de como se organicen. Nalgúns concellos repartían á xente en cadeiras individuais e non podías estar ao lado nin da túa parella. O espectáculo perde moito, porque non te deixan nin comentar o que estás vendo. A parte boa é que polo menos atendes máis ao espectáculo que estás vendo, estás máis pendente da música e podes vivir o momento sen distraccións.

De todas formas, son contratempos que hai que asumir. Á mascara terminas acostumándote e pódese pasalo ben igualmente. A xente ten ganas de ir a concertos e iso é o máis importante.

Como está o panorama folk en Galicia?

Debería haber máis espazos. Coa música folk hai dous puntos que se deberían mellorar: o primeiro é por parte das institucións, que teñen que apostar máis por este tipo de música, primeiro porque é a que define á nosa terra, e segundo porque é a que máis se valora cando saímos fora. A xente flipa con nós cando vamos a Madrid, ou mesmo a Francia. Por outro lado, está o tema do público, que non valora a súa música tradicional. A xente non ten problema en pagar unha entrada para ver unha banda de pop ou indie, pero logo cústalle moito acudir a outro tipo de concertos. En definitiva, fan falta axudas para o sector e espazos nos que poder mostrar a nosa música, pero tamén concienciación por parte da cidadanía, porque a cultura debe ser accesible, pero non gratuíta.

Pensas que esa concienciación pasa por achegarse máis ao público mozo?

Bueno, ao nosos concertos vén xente de todas as idades, desde moi novos, a xente máis maior. Ademais hai proxectos como o de Baiuca ou Tanxugueiras que, utilizando a música de raíz como base, están facendo moito ben na difusión do folk e da cultura galega. De todas formas, falta moitísimo por facer, o principal é conseguir que a xente nova fale galego, e despois xa se interesará pola música.

Que opinión vos merece o festival Feito a Man?

Nós somos de Vigo e o certo é que nos da moitísima envexa ver que en Santiago se leva anos apostando por este tipo de proxectos. Compostela é unha cidade con moitísimos lugares máxicos que se prestan a este tipo de eventos. Nós asistimos varias veces como público ao Feito a Man e tiñamos moitas ganas de participar. É un ciclo marabilloso que ademais consegue crear un ambiente moi especial entre os músicos e o público.

Que tipo de concerto tedes preparado para esta noite?

Pois haberá de todo. A banda empezou como un dúo a guitarra e violín e máis tarde entrei eu coa voz. Así que imos tocar tanto temas instrumentais como a trío. Serán principalmente as cancións do noso álbum, inda que tamén presentaremos algunhas novidades que queremos incluír no próximo disco. Ademais, aproveitando que estamos en Compostela e que temos moitos amigos aquí, imos ter un invitado especial: Xacobe Varela da banda Os de Abaixo.

Esperades un bo recibimento por parte do público compostelán?

Creo que nos van recibir ben. Inda é cedo para saber se o público compostelán nos quere ou non, pero o ano pasado tocamos na Casa das Crechas e o ambiente foi impresionante. Esperamos que, polo menos, nos traten igual de ben. Ademais, ao compartir escenario con Habelas Hainas, haberá moito público delas que descubra o noso espectáculo. É unha boa oportunidade para alcanzar a xente á que lle gusta o mesmo estilo que a nós. O bo deste ciclo é que se crea un sentimento de comunidade moi interesante e que beneficia a todos os que nos adicamos á música.

14 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.