Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Deputación achegará 30.000 euros ao Banco de Alimentos de Santiago

Ana Lamas e José Pita firmaron onte o acordo // No 2021 creceron ata 7.325 os beneficiarios

Santiago. A Deputación da Coruña dedica 30.000 euros para axudar ao Banco de Alimentos de Santiago na adquisición de víveres de primeira necesidade destinados ás persoas en situación vulnerable da zona sur da provincia da Coruña.

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e o responsable do Banco de Alimentos de Santiago, José Pita, asinaron onte o convenio que ratifica a achega provincial e que supón o 80% do orzamento total que a entidade destina para a compra de alimentos, que ascende a un total de 37.500 euros. Na sinatura do acordo, Lamas destacou “a labor social tan fundamental que desempeña esta entidade, sobre todo nun contexto socioeconómico como o actual, marcado pola continua alza dos prezos, que está a afectar a todos os fogares e familias”. “Durante o pasado ano 2021 o número de usuarios e usuarias do Banco de Alimentos de Santiago incrementouse ata os 7.325 beneficiarios e desde a entidade avisan de que no 2022 estase notando un maior incremento, polo que é máis necesario que nunca que as administracións nos impliquemos de xeito activo nestas causas, na medida das nosas posibilidades”, afirmou a deputada.

Ao longo do ano, os seus 25 voluntarios e voluntarias desenvolven actividades de captación e reparto de alimentos. Dentro das súas tarefas inclúense tamén elaborar campañas de concienciación en empresas, centros educativos e sociais ou entre a poboación xeral, sobre os problemas derivados da escaseza de alimentos e a falla dos recursos necesarios para poder vivir unha vida nunhas condicións dignas.

Os alimentos recollidos por este Banco proceden de donativos de empresas alimentarias na meirande parte dos casos. Esta entidade examina os víveres que recibe cun minucioso control de calidade, clasificándoos e almacenándoos despois para o seu posterior reparto, o cal selecciona segundo as necesidades de cada centro asistencial, co fin de facer chegar en perfectas condicións de consumo todos os alimentos ás persoas e familias.

O Banco, ademais, está en permanente en contacto coas diferentes institucións benéficas, tanto coas de consumo como coas de reparto, co fin de coñecer cales son as súas necesidades en cada momento. d.seijas

06 oct 2022 / 20:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito