Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A dúas velas: serios problemas coa falta de luz na cidade

O presidente do PP de Santiago destaca que esta carencia tamén se proxecta nas festas // Aposta por un modelo de Nadal propio para que veciños e comercios se sintan identificados

Analizando a situación actual da cidade, e en base ás declaracións do alcalde Xosé Sánchez Bugallo xustificando a falta de luz co cumprimento dunha normativa europea, Borja Verea, deputado autonómico e presidente dos populares composteláns, remarca que a iluminación en Santiago é un problema moi palpable no día a día da cidade, “o cal afecta a todos os barrios da urbe”. O parlamentario do PP considera que esta problemática resulta grave e que é sinónimo de tristeza e inseguridade.

“Se se tratase dunha normativa europea todas as cidades estarían na situación de Santiago, e é evidente e obxectivo que non é así. Santiago é unha cidade escura coa perigosidade que iso supón, só hai que darse unha volta pola noite por Compostela, mesmo polo propio Ensanche, para ver que a cidade non está ben iluminada”, sinala facendo unha radiografía da situación actual que se está a vivir.

A maiores, dentro deste mesmo tema, en relación coas verbas do rexedor local “cando afirmou que el non tiña medo de andar por Santiago pola noite pola iluminación”, Verea considéraas “desafortunadas e incluso soberbias”, porque, afirma, “moitos veciños, especialmente as mulleres, en rúas mal iluminadas, pola noite, claro que teñen esa sensación de medo e inseguridade, e isto é algo moi grave”.

Neste senso, arremete contra o rumbo do concello nesta materia e alenta ao alcalde a que “empece a tomar en serio” esta carencia lumínica, xa que non pode comprender que “non estea no día a día do goberno municipal”, cando si o está “no día a día dos veciños”.

Esta ausencia de luz en diferentes puntos da localidade, o popular tamén a detecta mesmo durante estas datas festivas. “Hai un problema grave e serio na cidade. Santiago é unha cidade escura e unha cidade escura non deixa de ser unha cidade triste e, o que é máis grave, insegura”, salientou na súa intervención.

Precisamente, en base ao Nadal de Compostela, lamentou que Santiago non teña un modelo propio para celebrar estas datas tan especiais, “unhas festas do nadal compostelás, santiaguesas, que sexan recoñecidas ou recoñecibles máis aló da cidade”, unha caracterización necesaria, di, porque “por desgraza, nin sequera dentro da propia urbe son apreciadas”.

Matizando que a capital galega non ten que copiar modelos de ostentación e de exceso, si que avoga por que se busque un equilibrio necesario, sobre todo buscando a calidade e a diferenciación respecto doutros lugares, xa non só da comunidade, senón tamén de todo o territorio nacional. “Aquí o que temos son luces repetitivas, antigas, sen ningún tipo de personalidade e ademais escasas”, comenta.

Seguindo esta liña, engadiu Verea que non entende como “uns veciños teñan luces un ano e ao ano seguinte llas quiten para poñerllas a outros”, sendo isto, dende o seu punto de vista, un sinal claro de que hai unha falta total de proxecto.

“Temos que apostar sen dúbida por un Nadal propio, compostelán, apostar máis pola calidade que pola cantidade, que poda atraer a visitantes e chegar máis e mellor a todos os veciños e familias”, conclúe como reto na procura de que todos se sintan identificados con esta campaña.

Por último, lembrou as queixas da maioría dos barrios pola iluminación destas festas, ou do propio rural, “que é o gran esquecido en todo o que a festividades de Nadal se refire”.

17 dic 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.