Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Filharmonía regresa aos escenarios cun concerto na Cidade da Cultura e dirixida por Paul Daniel

Viaxe musical desde Mozart e Beethoven ata Enrique Granados e o galego Joam Trillo

SANTIAGO. A Real Filharmonía de Galicia regresou aos escenarios logo dun parón obrigado de catro meses debido á crise sanitaria provocada pola covid-19. Os músicos están a recibir sesións informativas para coñecer os protocolos de prevención que deben manter nas súas actuacións e esta mesma semana comezaron os ensaios. Este primeiro concerto arrancou ás 12:00 horas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, baixo a batuta do director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel. Con este concerto péchase o ciclo de música “Matinais Clásicas” que promove a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Desde “As vodas de Fígaro” de Mozart ata “Goyescas” de Granados

O programa deu comezo coa abertura de As vodas de Fígaro de Mozart (1756-1791). Está considerada como unha das mellores creacións do compositor austríaco e unhas das óperas máis importantes da historia da música. A trama desenvólvese en Sevilla durante a segunda metade do século XVIII e representa unha crítica á aristocracia da época. De seguido o público asistente tivo a oportunidade de escoitar a Sinfonía nº 8 de Beethoven (1770-1827). Compúxoa nun momento moi delicado da súa vida e, a pesar desa situación, é a súa sinfonía máis alegre e despreocupada, unha obra totalmente desprovista das emocións sombrías que estaba a experimentar.

Logo soará a obra contemporánea Moinhada do compositor galego Joam Trillo (1942), colaborador habitual da Real Filharmonía de Galicia. O concerto concluirá co Intermezzo de Goyescas de Enrique Granados (1867-1916), orquestrado por Ernest Martínez. Está considerada a obra mestra do compositor e o seu nome fai referencia á obra do pintor Francisco de Goya, de quen Granados era un grande admirador.

Medidas de seguridade sanitaria

A este concerto asistiron de xeito presencial 100 persoas, sentadas en cadeiras con separación de dous metros -agás entre as persoas convivintes con convites dobres-. Foi obrigatorio o uso de máscara de protección por parte do público.

11 jul 2020 / 15:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.