Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“A maioría de pisos que nos ensinan aos estudantes non están en condicións para vivir decentemente”

Unha enquisa realizada a alumnos e alumnas de Santiago de Compostela amosa o seu descontento con vivendas e axencias inmobiliarias

Tras unha enquisa sobre os alugueres e inmobiliarias realizada a estudantes de Santiago de Compostela, os datos son claros e amosan que a inmensa maioría se sinte moi descontenta cara estas propiedades. Tamén son moitos os que din que os alugueres son caros para as calidades que se prestan, xa que senten que por ser estudantes o trato a recibir é pésimo, “a verdade é que a axencia é bastante mala, pasan de nós, estropéansenos as cousas e non as arranxan. Crense que por sermos estudantes somos menos ou algo, e pagar pagamos como todos! Ademais, hai axencias que non pasan os recibos, cobran o que lles parece.. unha vergoña, a verdade”.

Ademais din que “a maioría dos pisos para alugar teñen unha eficiencia enerxética moi baixa (E,F,G), e aínda por riba non ofrecen condicións de hixiene (mofo e humidades). Considero que estaría ben que houbese leis para regular o prezo dos pisos segundo o estado no que estea”, e continúan comentando que “para atopar un piso en condicións mínimas hai que buscar moito, e pagar, e aínda así, todos teñen algunha tara, se non é a cociña serán os baños... e algúns que mostran as inmobiliarias diría que non son nin habitables (falta de ventás, luz, ventilación, instalacións, mobiliario deteriorado, falta de mobiliario básico, etc...)”.

Todos eles coinciden ao relatar as súas experiencias, que atopar piso na cidade de Santiago de Compostela sendo estudante é moi complicado, xa que “a maioría de pisos que nos ensinan aos estudantes non están en condicións para vivir decentemente”, e “sempre os entregan sucios”. Asemade, as experiencias que teñen coas inmobiliarias non axudan, xa que “non se aseguran de que todo funcione antes de alugar o piso, cando pides que arranxen algo soen tardar bastante, ademais de que os arranxos soen ser “chapuzas” provisionais para aforrar gastos”. Algúns deles confesan que de elixir prefiren tratar co caseiro de primeira man antes que coa axencia, xa que aseguran que “se falas co caseiro aínda que o piso se caia a trozos algo de cariño inda lle vai ter e acabará resolvendo o problema, mais coa axencia é case imposible, só se preocupan de cobrar e moitas veces podes estar cun problema dende principio de curso até finais porque aínda que avises mil veces nunca se recordan de que algo vai mal”.

De cen persoas que teñen respostado a enquisa, hai un número moi limitado que teñen unha boa experiencia coa axencia, e din que, como en todo “hai inmobiliarias mais preocupadas e outras que pasan, pero moitas veces nin contestan ou directamente trátannos coma se fósemos nenos e non entendésemos as cousas”.

Polo que, como conclusión, pódese dicir que os estudantes non están moi contentos neste aspecto, e ademais “témonos que estar preocupando de cousas que non deberíamos se quenes nos alugasen os pisos tivesen as cousas en orde, porque a maiores, con todo o que temos que facer, inda por riba temos que ir detrás das inmobiliarias porque queremos vivir dignamente, o que quere calquera cando está pagando 500, 600 ou 700 euros o mes polo piso vaia...”.

06 abr 2021 / 10:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.