Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A noite máis movida do inicio de curso: foi necesario disparar salvas para dispersar a 2.000 mozos á saída de Ruta

A Policía Local e Nacional víronse na obriga de intervir na rúa Curros Enríquez polo comportamento dos estudantes // Un axente resultou ferido nos incidentes

    Cargando reproductor ...
    Cargando reproductor ...

A madrugada deste xoves universitario volveu a ser realmente dura para os veciños do Ensanche compostelán, especialmente para aqueles que viven na contorna da discoteca Ruta. Se xa fora dura a semana anterior, esta superouna con creces. “Foi a noite máis intensa de todas as que van do inicio de curso”, sinalou o concelleiro de seguridade cidadá, Gonzalo Muíños, en declaracións a EL CORREO GALLEGO.

Trece festas en pisos desaloxadas, incautación de datos en varios botellóns e os incidentes provocados trala gran aglomeración de mozos na rúa Curros Enríquez, con máis de 2.000 persoas, segundo apuntan fontes oficiais, foron os datos dunha noite terrible para os santiagueses.

O máis destacable tivo lugar á saída da discoteca Ruta, a partir das 3.00 horas da madrugada, momento no que se pecharon as portas do local. Ante o balbordo e as incesantes chamadas dos residentes, tanto a Policía Local coma a Nacional tiveron que actuar para dispersar a acumulación de xente. Con todo, ante o caso omiso por parte dos universitarios e o lanzamento de obxectos, as forzas de seguridade víronse na obriga de lanzar salvas ao aire para evitar que o suceso fose a máis.

“A Policía fixo todo o que podía, pero se tivo que intervir a eses niveis é porque os comportamentos non foron exemplares. Estamos falando de adultos, de universitarios para os que seguramente seus pais están facendo un esforzo tremendo para estar aquí. Teñen que facer cargo de conciencia, pensar neses familiares que o pasaron mal durante a pandemia e mudar os seus comportamentos, porque non queremos volver a atrás”, remarca Muíños.

Pola súa banda, a través das redes sociais, diferentes mozos queixábanse da actuación policial. “La policía me ha dado 3 porrazos en la espalda por estar bebiendo”, recriminaba unha rapaza en Stories. Pola súa banda, Radio Galicia, recollía a declaración doutro: “Acabo de ser agredido por un agente por estar en la calle”.

Froito da refrega, un policía municipal resultou ferido cunha luxación de ombro.

A maiores, froito das actuacións policiais, tamén se tivo que desaloxar unha posterior reunión na Praza Roxa, aínda que neste caso era menos numerosa. Do mesmo xeito, tamén se tivo constancia de concentracións no parque de Belvís e no cantón de San Bieito, na zona histórica.

Á primeira hora da mañá, na estación de tren podían verse a centos de mozos doutros puntos de Galicia que volvían a casa logo da festa en Santiago.

Trala noite máis movida do inicio de curso, dende o Concello estudan a forma de tomar accións preventivas, aínda que o concelleiro insiste que o principal é o comportamento dos estudantes. “É xente que dentro duns anos serán os nosos médicos, avogados, enfermeiros, enxeñeiros, profesores dos rapaces... que sexan maiorciños e que empecen a mudar comportamentos”, reflexionou.

Vídeo: Imaxes publicadas na conta de Instagram Salseo USC.

24 sep 2021 / 12:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.