Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Compostela e, en concreto, as rúas das Hortas e Carretas son protagonistas dunha das dez seccións nas que se divide a exposición ‘As miradas de Isaac’, que impulsa a Xunta de Galicia na Cidade da Cultura para conmemorar o centenerario do nacemento do ilustre intelectual galeguista TEXTO Uxío Santamaría

A pegada de Santiago en Díaz Pardo

Para Isaac Díaz Pardo, Compostela era a cidade na que naceu, na que viviu os primeiros 16 anos da súa vida e na que seu pai, o prestixioso deseñador gráfico Camilo Díaz Baliño, lle prendeu na cabeza unha indeleble estreliña forxada na irmandade “da luz da Libertá”. Pero a veciñanza compostelá rematou co levantamento militar de 1936, a resultas do cal seu pai foi fusilado.

Desposuído de todo, derrotada e aniquilada a súa familia, Isaac tivo que fuxir escapando das gadoupas fascistas que o perseguían. Pasaron días e anos, pero Isaac non puido nunca esquecer a rúa das Hortas nin o cheiro do calexón da Tumbona da súa infancia nin o aprendido no obradoiro que tiña o seu pai e no que compartiu horas e traballo, a pesar da súa xuventude, coa intelectualidade que o frecuentaba: Castelao, Constantino Candeira, Xosé Teixeiro, Antón Fraguas, Ánxel Casal ,Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Bouza Brey, Blanco Amor, Francisco Asorey, Arturo Cuadrado, Luís Seoane.

A exposición homenaxe a Isaac Díaz Pardo As miradas de Isaac, impulsada pola Xunta de Galicia no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, co gallo do centenario do seu nacemento (1920-2020) e que pode verse ata o 4 de abril, recolle con detalle a pegada da cidade de Santiago na vida e obra de Díaz Pardo.

A CASA DA TUMBONA. A prolífica e enriquecedora vida de Díaz Pardo comezou o 22 de agosto de 1920, o día en que naceu na casa da Tumbona, na santiaguesa rúa das Hortas, nº 37. Seu pai, escenógrafo de profesión, estableceuse en Santiago en 1920 como director da empresa de exhibición cinematográfica e teatral fundada por Isaac Fraga. Na horta da casa, desde a que se vía a igrexa de San Frutuoso, o pazo de Raxoi e as torres da catedral, montou Díaz Baliño, un galpón de madeira, que era o taller de escenografía.

EPICENTRO DA INTELECTUALIDADE GALEGA. A familia vivía no primeiro andar e no baixo da casa estaba o taller de litografía. Da casa da Tumbona son os primeiros recordos que Isaac tiña da súa nenez, pois alí viviu ata 1928, ano no que se trasladaron ao número 20 da mesma rúa das Hortas. E en 1930, os Díaz Pardo volveron cambiar de domicilio, esta vez ao 3º andar da casa nº 22 da veciña rúa de Carretas.

A casa da Tumbona, ademais de lugar de traballo de Díaz Baliño, era biblioteca, museo e lugar de encontro para os intelectuais e artistas daquela esperanzadora época das Irmandades da Fala, do SEG e do Partido Galeguista. Aquela foi unha escola que, por osmose emocional, foi levando a Isaac polos principios republicanos e galeguistas que os guiaban. Isaac presenciaba moitas das súas reunións e sempre acompañaba a seu pai no traballo de escenografía, caligrafía, ilustración, cartelismo etc. e case a diario ía con mandados seus á imprenta de Ánxel Casal, ao Colexio de Fonseca, onde tiña a sede o SEG, e ao Teatro Principal e xa en 1932 participou no Salón de Belas Artes Ultreya, organizado no Círculo Mercantil compostelán.

CANDO ISAAC PINTOU POR CASTELAO. En 1936, con quince anos de idade, implicouse na campaña a favor do Estatuto de autonomía de Galicia. No taller de Camilo fíxose toda a propaganda do plebiscito, agás un cartel de Luís Seoane e outro de Zeus (José López Fernández), que os prepararon na Coruña. Camilo fixo o cartel que firmou el, e Isaac realizou catro, tres asinados co pseudónimo Xalo e outro, o correspondente á campaña do Partido Comunista, co seu propio nome. Castelao, que andaba tan atarefado coa campaña plebiscitaria, non tiña tempo de compoñelos, así que lle deu uns debuxos e as instrucións precisas e díxolle: “Isaíño, faimos ti”, segundo ten relatado Díaz Pardo. “Eu fixen os dous de Castelao, o do leñador e o da vaca. Era simplemente reproducir as súas ideas nos carteis. El dicíame “aquí metes tal cousa, alí aquela outra”. Cando viñeron os falanxistas, asaltaron a casa e destrozaron todo. Levaron o debuxo orixinal. Así que o único que queda é o que fixen eu, a miña interpretación, que se cadra non se parece en nada ao orixinal”, explicaba sobre esa etapa.

UN PERFORMANCE ADIANTADO AO SEU TEMPO. E no lousado do Obradoiro, pintou un gran mural no que con grandes letras vangardistas se lía: Estatuto Autonomía de Galicia. SI. SI. E tamén unha estrela, tan utilizada por pai e fillo na súa simboloxía galeguista. Logo subiu ao alto do pazo de Raxoi e á catedral e fotografou en picado ese SI que Galicia lle outorgou á súa autonomía o 28 de xuño de 1936.

GUERRA CIVIL E ASASINATO DO PAI. Estremecedoras son as páxinas que Díaz Pardo escribiu sobre as súas vivencias dos primeiros días da Guerra Civil en Santiago e sobre o desgarro emocional que para el supuxo o asasinato de seu pai. Páxinas sen resentimento, guiadas unicamente pola idea de manter a memoria dos inmolados e dos exiliados e para que o que el chamaba o “anxo desmemorizador” non provocase un ermo de amnesia retrógrada. Se conmovedoras son esas páxinas, candorosas son as que lle dedica a Teresa, a veciña da rúa das Hortas, que vivía na máis absoluta miseria. En tan tremenda situación ofreceulles o que non tiña e escondeu a Isaac durante tres días na súa casa durante os que os falanxistas saquearon a casa familiar. Foi Teresa quen foi falar co xefe da Falcona para que lle deixase sacar un caderno no que Camilo retratara co seu lapis de carpinteiro os seus compañeiros de prisión nos primeiros días do mes de agosto de 1936: 16 deles fusilados e os demais exiliados.

Todas as ilusións da infancia e da adolescencia escacharon en xullo de 1936. A familia refuxiouse na Coruña. Isaac na casa do seu tío Indalecio, na Praza de Pontevedra, onde estivo agachado medio ano sen saír á rúa. Con 16 anos acabados de cumprir, Isaac perdeuno todo e pasou de ser un neno educado nos valores republicanos a un adolescente baixo sospeita durante a guerra e a posguerra. A nova situación política desbaratou o ideario democrático no que se educou, pero Isaac conservou durante toda a súa vida as utopías republicanas e autonomistas coas que pretendían cambiar a realidade social e económica de Galicia e que o guiaron en todos os proxectos que emprendeu e recuperou nun futuro.

11 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito