Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A quenda de oficio, 385 profesionais da avogacía sempre operativos en Santiago

O Colexio de Avogados mantivo o servizo durante o estado de alarma para atender a 270.000 habitantes // Hoxe é o Día da Xustiza Gratuíta

Un total de 385 profesionais forman parte da quenda de oficio do Colexio de Avogados de Santiago, un servizo que está operativo as 24 horas durante 365 días ao ano, e que funcionou con normalidade no estado de alarma e o confinamento derivado da covid-19.

A pesares da pandemia, o Colexio tramitou no primeiro semestre de 2020 un total de 1.977 expedientes de xustiza gratuíta, 330 ao mes, dos que 1.318 foron designacións de quenda de oficio e 659 para asistencias a persoas detidas.

Os avogados e avogadas adscritas e os do conxunto de España celebran hoxe, 12 de xullo, o Día da Xustiza Gratuíta, unha data de conmemoración que serve ademais para reivindicar a importancia do servizo, que garante a igualdade no acceso á xustiza para todos os cidadáns.

Os profesionais da quenda de oficio reciben, de forma continua, formación especializada en diferentes temáticas. Como medida de axuda pola crise sanitaria e económica, a institución colexial adiantou con fondos propios o pagamento das cantidades correspondentes ao primeiro e o segundo trimestre, sen agardar ao seu abono por parte da Xunta.

A avogacía compostelana atende a unha poboación de máis de 270.000 persoas, xa que xestiona a quenda de oficio dos partidos xudiciais de Santiago (Ames, Boqueixón, Santiago, Teo e Vedra), Arzúa (Arzúa, Boimorto, Santiso, Toques, Touro, O Pino e Melide), Negreira (Negreira, A Baña, Brión e Santa Comba), Ordes (Ordes, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia, Trazo e Val do Dubra), e Padrón (Padrón, Dodro, Rois e Rianxo).

De toda Galicia. No ámbito da xurisdición contencioso-administrativa, tamén tramita os expedientes de toda Galicia para as reclamacións contra determinados organismos da Xunta con sede en Santiago, por exemplo, as patrimoniais contra o Sergas.

No laboral, dentro da xurisdición do Xulgado do Social de Santiago, tamén se tramitan os expedientes gratuítos de Ribeira, Noia e Muros.

“Quero destacar o gran traballo que fan os avogados e avogadas da quenda de oficio e o persoal do Colexio de Avogados, xa que a xestión da xustiza gratuíta supón un esforzo moi importante en medios técnicos e humanos”, sostén Francisco Rabuñal, decano dos letrados compostelanos.

Unha xestión complexa. O Colexio de Avogados de Santiago conta con catro traballadores que se dedican ás tramitacións de expedientes de xustiza gratuíta e cunha persoa que coordina o servizo (Manuel Arza, secretario técnico do colexio).

A solicitude iníciase coa presentación do formulario correspondente na secretaría da institución e, se o solicitante o autoriza, o Colexio terá acceso á información da Axencia Tributaria, Catastro da Propiedade Inmobiliaria e da Tesourería da Seguridade Social.

Cada caso pasa, posteriormente, ao Servizo de Orientación Xurídica, encargado de asignar un avogado provisional mentres o expediente é analizado pola Comisión de Xustiza Gratuíta da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta.

Violencia de xénero. Polo que respecta ao servizo de asistencia ás vítimas de violencia de xénero, están atendidas tamén todo o ano por avogados e avogadas de garda con especialización nestas materias. O Colexio aconsella que antes de presentar denuncia soliciten na sede colexial, ou en dependencias policiais, a designación dun avogado de oficio.

“A quenda de oficio é un servizo do colexio á cidadanía e é fundamental que a xestión da xustiza gratuíta siga en mans dos colexios de avogados, porque é a única forma de que sexa xusta, pública e siga estando ao alcance de todos os cidadáns no futuro”, remata Francisco Rabuñal.

11 jul 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.