Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 20 octubre 2021
02:00
h

A ‘Rosa’ de Diego Vites gaña o Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas

O 2º premio foi para Antía Vieiro por ‘Unha infancia sinistra’ e o 3º para Christian García Bello por ‘Lonxe, lonxe’ // Foron elixidos de entre os trinta seleccionados

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, entregaron onte os Premios Auditorio de Galicia para Novos Artistas, na súa duodécima edición. No acto participaron tamén os membros do xurado, o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e os e as artistas seleccionadas. De entre todos os traballos presentados, o xurado seleccionou 30 (18 de mulleres e 12 de homes), que se poden ver na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia ata finais de xaneiro do 2022.

“Trinta artistas que abren camiños, que exploran, que non fican parados, que arriscan e que, en definitiva, nos achegan á fisionomía do que está acontecer en Galicia, no mundo da arte, neste momento”, indicaron dende o xurado, que decidiu outorgar os seguintes premios: valorado en 6.000 €, o 1º premio foi para Diego Vites pola súa instalación Rosa; o 2º posto (3.000 euros) acadouno Antía Vieiro Fernández por Unha infancia sinistra; e o 3º premio, valorado en 2.000 €, foi para Christian García Bello por Lonxe, lonxe (coa sardiña no cinto).

Estes galardóns, que se celebran cada dous anos, chegan así á súa duodécima edición, consolidándose como un certamen clave na produción de arte contemporánea de Galicia. Levan 20 anos recoñecendo e apoiando o talento dos e das artistas galegos de ata 40 anos. Ademais de poder ver a mostra ata finais de xaneiro, de balde, tamén se pode consultar o catálogo dixital en e-auditoriodegalicia.net, así como descargalo.

O traballo de Diego Vites García (Lugo, 1986), gañador dos Premios Auditorio de Galicia para Novos Artistas, é unha forma en permanente zona de cruising entre territorios periféricos, Islas Canarias, Ecuador e Galicia. “A súa mirada transfórmase nunha máquina especulativa que non cesa de alucinar”, destacan dende a organización destes premios.

Licenciado en Belas Artes pola ULL en 2009, Diego Vites funda xunto con outros artistas El Apartamento, centro de produción en Santa Cruz de Tenerife, (proxecto gañador da Bienal Of de Arte y Paisaje de Canarias, 2009). No ano 2010 regresa a Galicia e cursa o Mestrado en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea do departamento de Historia da Arte da USC. Funda e co-dirixe o FAC Peregrina, Furancho de Arte Contemporánea. Forma parte do Ciclo de Exposicións Afluentes, A figuración no arte galego dende os anos sesenta; a súa obra puido verse no MARCO de Vigo dentro da exposición Veraneantes para a que realizou dúas pezas site-especifc.

En Ámerica realiza varias residencias de arte contemporánea en Ecuador, México e Arxentina, continuando coa súa liña de investigación.

Pola súa banda, Antía Vieiro Fernández (Brión, 1999) amosa no seu traballo a representación biográfica da súa infancia a través do debuxo, empregando imaxes que reflicten unha contraposición entre a beleza e o sinistro.

Mentres, Lonxe, lonxe (coa sardiña no cinto), de Christian García Bello (A Coruña, 1986), licenciado en Belas Artes e Metsrado en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, é un traballo no que “a sardiña preséntase nun molde de espermaceti de cachalote, valioso material vernáculo do pasado baleiro de Galicia”. García Bello realizou exposicións individuais en galerías como Formatocomodo, institucións como a Fundación DIDAC ou centros de arte como CGAC e participou en proxectos expositivos en salas nacionais e internacionais como CaixaForum, Museo Patio Herreriano, Es Baluard, CondeDuque ou Museo Lázaro Galdiano. Participa en feiras internacionais como ARCOMadrid ou ARTBO.

ATA XANEIRO
Exposición na sala Isaac Díaz Pardo

··· Os 30 traballos que se poden ver en sala no Auditorio de Galicia ata finais de xaneiro do 2022 son de Pablo Aguilar e Raquel Álvarez, Eva Antelo, Thomas Apostolou, Miguel Auria, Pablo Barreiro, Teresa Búa, Cabanes Fontao, Olalla Castro, David Catá, Julio Catalán Rubinos, Le Charli, Christianconch, Raquel Durán & Rut Briones, María Gar, Christian García Bello, Macarena Montesinos Fandiño , Joan Morera Arbones, Alejandra Pardo, Pía Piadosa, Lara Pintos, Sara Piñeiro, Mar Ramón Soriano, Alejandro Rego Díaz, Carlota Salgado Leal, Borja Santomé, Neves Seara, Andrea Torres, Verónica Vicente, Antía Vieiro Fernández e Diego Vites.

14 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito