Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A unidade de pleura do Clínico sitúase entre as mellores a nivel mundial

A pneumóloga do CHUS Lucía Ferreiro ocupa o posto 12 entre os maiores expertos internacionais na materia

O portal internacional Expertscape https://expertscape.com/ex/pleural+effusion, que clasifica obxectivamente a investigadores e institucións segundo a súa experiencia en máis de 29.000 temas biomédicos, ven de publicar a clasificación de expertos mundiais en derrames pleurais, situando ao servizo de Pneumoloxía do CHUS entre os mellores a nivel mundial.

Con motivo da celebración do Día Mundial do Pulmón 2021, dedicado a promover a saúde pulmonar que se celebra hoxe, 25 de setembro, Expertscape publica a lista de expertos internacionais en derrames pleurais. Unha penumóloga do CHUS, a doutora Lucía Ferreiro Fernández, recibiu un recoñecemento á excelencia investigadora levada a cabo nos últimos dez anos polo grupo de pleura do CHUS, que dirixe o doutor Luís Valdés, xefe do servizo de Pneumoloxía da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza.

A doutora Lucía Ferreiro ocupa o posto 12º entre os maiores expertos mundiais en derrames pleurais, o 7º a nivel europeo, 2º en España e o 1º en Galicia. Amais, entre os primeiros a nivel mundial figuran outros 5 pneumólogos do servizo. O Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela figura no posto 19º a nivel mundial, o 7º a nivel europeo, o 2º de España e o 1º de Galicia.

As enfermidades da pleura, membrana que cubre o pulmón, afectan a máis de 3.000 persoas por millón de habitantes cada ano, e representan o 10 % da patoloxía respiratoria nos servizos de pneumoloxía. Son múltiples as enfermidades que poden afectar á pleura, tanto locais (da propia pleura), como xerais (afectación doutros órganos pero con repercusión na pleura).

Esta variabilidade de patoloxías levaba á dispersión na atención destes pacientes por diferentes especialidades clínicas e cirúrxicas, cun manexo dispar. “Coa creación da Unidade de pleura e do grupo de investigación en patoloxía pleural, nos últimos dez anos, o servizo compostelá evitou a dispersión na atención e puxo en evidencia, a través dos seus resultados, a conveniencia de ofrecer unha asistencia integrada a estes pacientes. A menor morbilidade técnica, superior eficiencia diagnóstica, mellor definición terapéutica-prognóstica, mellor nivel docente e o incremento no desenvolvemento da investigación, así o mostran”, indica o doutor Luis Valdés.

Asemade, agradécelle a todos os membros do seu servizo a súa “colaboración para conseguir este recoñecemento, e considera que debera servir para manter esta liña de investigación ao máximo nivel durante os próximos anos, e tamén de estímulo para os que traballan noutros campos da pneumoxoía e doutras especialidades.

25 sep 2021 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito