Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Francisco Otero Espinar, Decano de Farmacia e catedrático de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC

“A Xunta non considera a Farmacia do mesmo xeito que a Medicina”

Otero Espinar manten a súa promesa ao tomar posesión como decano de loitar por un edificio para Farmacia despois de seis anos en que os alumnos están de prestado noutros. Cre o catedrático de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica que o Goberno galego tería que dar un paso adiante no seu financiamento. A USC ten grandes investigadores neste campo e obtén excelentes puntuacións tamén no da docencia.

O primeiro e máis importante, cando terá Farmacia unha facultade propia?

Cando? Por desgracia, nestes momentos, non o sei. É unha das maiores dúbidas que temos. Para cando vai ser e se ao final haberá...

Non será vostede moi pesimista?

A Universidade de Santiago (USC) este último ano plasmou nos Orzamentos a intención de facela. Neles está proxectado o reacondicionamento do lugar onde estará ubicada, así como o concurso de ideas, a elaboración do proxecto básico e a urbanización da zona. Iso é o que está orzamentado, pero fóra diso non hay garantías de ter o financiamento suficiente para despois continuar coa obra. Polo tanto, a intención é boa pero a falta de orzamento é o que me fai dubidar.

Entón o que faltan, dito con claridade, son os cartos...

Os cartos faltan para o edificio, unha vez feito o contemplado nos Orzamentos. A USC non dispón deles. Evidentemente ten unha serie de cartos para mantemento de edificios ou facer pequenas obras, pero non para levantar unha nova facultade, ademais un novo edificio no que en teoría iría a nosa facultade e mais a de Enfermería.

O lóxico sería que ese financiamento chegara da Xunta, non?

O lóxico é que fose financiado pola Xunta porque a nosa facultade, xunto con Medicina, Odontoloxía e algunha máis, son facultades son únicas no Sistema Universitario Galego, incluso no noroeste de España. Temos aquí un polo de Ciencias da Saúde que é importantísimo, moi exclusivo da USC, e que a Xunta debería cuidar para que siga sendo así. Ademais, somos facultades pioneiras e moi recoñecidas a nivel nacional e internacional. Polas conversas que tiven de maneira informal con membros do Goberno galego, todos coñecen a nosa situación, todos din boas palabras, que non saben como chegamos a isto, pero en ningún momento a Xunta quixo dar un paso adiante para dicir: ímolo resolver, imos poñer cartos ou imos favorecer este proxecto. Non vin ata o momento ningunha intención de facelo.

E non podería o Goberno galego destinar unha parte dos cartos comprometidos para a nova facultade de Medicina, unha vez que se desbotou a idea do novo edificio e se optou por arranxar o de San Francisco?

Esa é unha cuestión que pensamos moitas veces desde Farmacia, pero a impresión que nos dá é que a consideración que a Xunta ten pola Facultade de Farmacia non é a mesma que pola de Medicina. Non sei se é porque en Medicina adoitan presionar máis, teñen un gran poder de influencia que ao mellor non temos dende Farmacia. Non nos consideran. Vou poñer un exemplo: cando eu cheguei ao decanato, solicitámoslle ao presidente Núñez Feijóo unha entrevista para formularlle os nosos problemas e pedirlle axuda, e aínda estamos esperando a resposta. Van alá dous anos. Iso dáme a idea de que Farmacia non ten un interese grande para a Xunta.

Sen embargo, aos membros do Goberno galego éncheselles o papo cando falan dos nosos investigadores, e Farmacia aporta auténticos números 1 a nivel internacional...

Si. Nós temos verdadeiros grupos de investigación, moitos deles son de preferencia competitiva da Xunta no ámbito da Farmacia que en moitos casos, sobre todo os da facultade, están facendo unha investigación en condicións bastante lamentables. Tampouco hai que esquecer a función que os farmacéuticos exerceron durante esta pandemia, tanto os de oficina de farmacia como os de hospital, os que traballan na ensinanza, na industria, ou mesmo na Facultade de Farmacia, que coa de Enxeñería Química puxémonos a facer xel hidroalcólico para o Sergas de maneira altruísta. É dicir, á parte da investigación, temos a impresión de que non importamos o suficiente como para ter arranxado este problema que vén de moito tempo porque os nosos alumnos levan xa máis de seis anos desprazados.

É que hai máis dunha promoción que non coñeceu a facultade propia...

Varias. Tamén a USC tomou nun momento dado algunha decisión que non foi moi correcta. Pensouse en mudarnos a outras facultades para tirar esta e facer unha nova aquí, despois decidiuse mantela mentres, que eu creo que é a mellor medida... Agora, como xa sabemos que imos estar un tempo aquí, temos a colaboración do xerente e mais do reitor para arranxar algunha parte para facer algunha aula e que os alumnos de primeiro poidan estar o curso íntegro na facultade. Creo que é importante que se identifiquen coa Facultade de Farmacia.

Son como cidadáns sen territorio...

Si. O que sempre digo é que estamos acollidos en diversas facultades ás que lle estou moi agradecido tanto ás anteriores (Bioloxía e Políticas) como nas que estamos agora (Dereito e Políticas e Relacións Laborais). Dannos todo o apoio e axuda que necesitamos, pero é complexo organizar toda a docencia nun lugar que non é teu. Por iso queriamos agora arranxar estas aulas, que unicamente nos vai dar para primeiro curso, pero polo menos pasarían un ano na facultade.

Pero non estaba afectada de contaminación por hidrocarburos?

Na zona que estamos preparando, que intentamos que estea xa para este curso 2021-22, non. De feito fixéronse medidas de exposición a hidrocarburos no aire e esa zona entra nos límites permitidos. Na que si hai está pechada. Tamén queremos adaptar algún laboratorio de prácticas.

Non deixa de ser un parche...

Por suposto. A urxencia, dende o meu punto de vista, é a parte das aulas. Dariame por contento se lográramos nun tempo razoable ter un aulario coas súas aulas tanto de teoría ou de seminarios, como laboratorios de prácticas, para que os alumnos poideran estar todos nun edificio de calidade, aínda que os investigadores tiveramos que esperar un pouquiño máis para despois rematar o edificio.

Pero non hai risco de fuga de talentos se os investigadores traballan en precario?

Si. Tamén é importante, porque a calidade e espazo que temos fai que en canto aparece un novo lugar un pouquiño mellor preparado, moitos deles acaban mudándose porque aquí non teñen certas infraestruturas necesarias. Incluso se botan para atrás moitos investigadores novos que virían aquí. E moitos deles seguen manténdose na USC, pero foron para outras dependencias, aínda que aquí tamén quedan grupos numerosos traballando en Tecnoloxía Farmacéutica.

A realidade é que Farmacia está moi ben considerada...

Por iso me gustaría ver que a Xunta dá un paso adiante e apoia dunha vez un proxecto como este, que é sumamente necesario anque non supercaro porque non fai falta facer un edificio enorme. Hoxe, os edificios tanto para a docencia como a investigación poden ser máis pequenos pero con moito máis servizo.

Preocúpalle que baixe a súa boa prensa?

Ata tal punto chega a eiva de non ter edificio que eu recibo a menudo chamadas de egresados de Farmacia que traballan fóra e que teñen fillos que queren facer Farmacia, para preguntarme se eu persoalmente lles aconsello que, en lugar de facer os estudos na USC, se vaian a outro lado polo problema que temos. Realmente é grave. A miña resposta sempre é a mesma: a calidade dos nosos docentes e investigadores é tan grande e o traballo que fan é tan descomunal que a falta de infraestruturas a superan. De feito seguimos aparecendo nos ránquines entre as primeiras do mundo en docencia. E no FIR (farmacéutico interno residente) temos todos os anos uns cantos entre os 10 primeiros.

O momento de protestar

Quédanlle dous anos como decano, se non recunca, cal é o seu maior desexo?

Ver que se está empezando, xa digo empezando, o edificio, porque sei que telo rematado é imposible. Este ano está orzamentada a urbanización e eses dous proxectos e aínda non se empezou. Hai outras execucións tamén orzamentadas que si se están facendo, como en Medicina, pero do noso polo de agora nada. A verdade é que o peor de todo é que o ánimo que hai na propia Facultade de Farmacia é de pesimismo extremo. Tamén hai moita xente á que se lle está acabando a paciencia. Eu creo que un dos problemas que temos é que sempre tratamos de levar todo pola vía diplomática, falando, discutindo sobre o tema intentando aportar para ver se sae todo, pero non protestamos. Chega un momento en que a paciencia se acaba e ao mellor xa hai uns anos que debimos empezar con protestas e con presións porque non é lóxico que esteamos nesta situación a estas alturas.

12 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
USC
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.