Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Xunta pon condicións para a nova plataforma de mercadorías de Mallou

Subliña que a obra terá que superar os filtros de Patrimonio por estar preto do Camiño Inglés

    Santiago. A Xunta acaba de fixar unha serie de condicionantes ao Concello de Santiago para a construción da plataforma loxística de Mallou, ao localizarse no Camiño Inglés. O proxecto, do que non se agardan afeccións ambientais relevantes no seu interior nin na ocupación do solo, desenvolverase nunha zona próxima á Ruta Xacobea e dunha área residencial, polo que é necesario adoptar medidas para unha axeitada integración.

    A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de emitir o Informe ambiental estratéxico do plan especial desta infraestrutura, para a distribución de mercadorías ao servizo do centro histórico de Santiago, e decide non sometelo a avaliación ambiental ordinaria, pero detalla unha serie de condicionantes ao proxecto.

    Nese sentido, o Instituto de Estudos do Territorio indica que o concello de Santiago deberá realizar un estudo da paisaxe, cuxo contido debe ser proporcionado e específico ao lugar e ás funcións do plan. O estudo deberá incluír unha análise da visibilidade dende o Camiño Inglés.

    Deste xeito, a entidade local fixará as medidas oportunas para asegurar a mellor integración paisaxística posible como, entre outras, crear barreiras vexetais nas marxes da parcela mediante arborado autóctono, para minimizar o impacto visual da nova infraestrutura; fixar unhas condicións tipolóxicas, estéticas e construtivas para que a edificación presente unha composición coidada, tendo en conta o contido da Guía de cor e materiais; ou establecer as condicións para a regulación dos peches da parcela, para o que se terá en conta as normas e recomendacións da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.

    Para garantir a protección do patrimonio cultural, darase cumprimento ás medidas expostas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como identificar axeitadamente no plan, tanto na memoria coma nos planos de información e ordenación, a traza e territorio histórico do Camiño Inglés; e incluír o réxime xurídico de intervencións nos bens catalogados e os criterios de intervencións conforme ao disposto na Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia. ecg

    14 may 2022 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito