Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 31 enero 2023
09:31
h

‘Acende o Xacobeo’, a conta atrás para dar a benvida á segunda parte do Ano Santo

A Xunta reeditará esta iniciativa para iluminar 52 edificios significativos // Volverá o concurso fotográfico en redes sociais

Co gallo do comezo da segunda parte do Ano Santo e recollendo o éxito da iniciativa Acende o Xacobeo coa que a Xunta dáballe a benvida á celebración deste Xacobeo excepcional, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou onte unha nova edición desta proposta, que permitirá iluminar medio cento de edificios significativos de toda Galicia distribuídos polos dez itinerarios xacobeos.

A iluminación na comunidade galega terá lugar durante as fins de semana entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro, tempo durante o que se iluminarán coa frecha amarela e o logo do Xacobeo 21-22 un total de 52 edificios das catro provincias.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, lembrou a excelente acollida que tivo o Acende o Xacobeo, que motivou que o Goberno galego decidira mantela nas cidades ao longo de todo este ano 2021 en que estiveron iluminados 11 fachadas de edificios nas principais cidades galegas. “A estes once emprazamentos, situados en Santiago, A Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense uniranse a partir do 23 de decembro outros 41 monumentos repartidos por todos os Camiños de Santiago, cos que queremos lembrar que o Xacobeo continúa en 2022”.

Castro tamén destacou que a iniciativa está aberta a todos os concellos do Camiño de Santiago que queiran unirse, aos que se lle proporcionarán os detalles técnicos precisos para que poidan adherirse. Do mesmo xeito, a directora de Turismo de Galicia tamén anunciou que o proxecto xa se lle trasladou ao resto das comunidades autónomas polas que pasa o Camiño e ás Oficinas de España no Estranxeiro (OET) para que participen.

“Nestes días estamos a recibir as respostas tanto das comunidades autónomas como das OETs que nos están comunicando cando e onde van facer a iluminación”, explicou Nava Castro, que lembrou que o ano pasado a iniciativa permitiu iluminar máis dun cento de puntos por todo o mundo para darlle a benvida á celebración do Xacobeo.

CONCURSO FOTOGRÁFICO. Ao igual que o ano pasado, a segunda edición do Acende o Xacobeo tamén terá o seu concurso fotográfico. Unha vez comece a iluminación dos monumentos o 23 de decembro, abrirase nas redes sociais o concurso fotográfico.

Os participantes só terán que publicar unha fotografía na que se vexa persoas xunto a un dos monumentos iluminados baixo os cancelos #AcendeOXacobeo ou #EnciendeElXacobeo e etiquetando as redes sociais do Camiño de Santiago. As fotografías poderán publicarse nas redes sociais de Facebook, Twitter ou Instagram do Camiño de Santiago (@camino_xacobeo).

O concurso estará aberto ata o peche da iluminación e as tres mellores fotografías serán premiadas unha estadía para dúas persoas de fin de semana nun hotel-balneario de Galicia con pensión completa.

20 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.