Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Achegan a perigosidade das adiccións aos mozos de Educación Secundaria

É unha iniciativa do Grao en Enfermaría da USC, e coordinada pola profesora Nuria García

Santiago. A materia Enfermaría da Saúde Mental pertencente ao terceiro curso do Grao en Enfermaría da USC, e coordinada pola profesora Nuria García Couceiro, traballa en poñerlle freo á desinformación acerca dos trastornos aditivos e da saúde mental que sofre a poboación infanto-xuvenil da nosa contorna. Baixo esta premisa, o alumando da materia interveu no Colexio Plurilingüe La Salle de Santiago de Compostela coa intención de que os mozos e mozas de Educación Secundaria asocien as consecuencias negativas do consumo de sustancias aos problemas de saúde mental.

“O feito de que sexan alumnos cunha media de idade de 21 anos os que realicen as intervencións, os cales son vistos como iguais polos adolescentes, engade valor á intervención en si”, explica a profesora García Couceiro. Concienciar da vulnerabilidade actual dos mozos e mozas fronte ás adicións e ás enfermidades mentais é a meta desta iniciativa pioneira coa que se quere reivindicar a figura dos enfermeiros e enfermeiras escolares nos centros educativos, xa que son profesionais capacitadas para intervir ante necesidades individuais, grupais ou sociais cunha abordaxe biopsicosocial.

“A propia natureza do rol que exercen nos centros educativos, convérteas en persoas próximas, expertas en saúde e de referencia para os nenos e adolescentes”, sinala García Couceiro. “A enfermería escolar está instaurada na maioría dos países anglosaxóns dende comezos do século pasado e actualmente ten unha alta presenza en países latinoamericanos e europeos. Non obstante, en España está relegada a centros de educación especial e a colexios privados ou de xestión estranxeira”, engade a profesora da USC.

Con este proxecto, achéganse os estudantes de enfermería ata os centros educativos, dándolles a oportunidade de beneficiarse dos seus servizos en materia de educación para a saúde e dotando á prevención dunha perspectiva enfermeira. Pero non só os centros poden beneficiarse da presenza de estudantes de enfermería, senón que “os propios estudantes son quen de descubrir una novo itinerario formativo e laboral no campo da enfermería escolar, no que, actualmente, non están a ser formados durante o grado universitario”, continúa García Couceiro.

No transcurso deste proxecto de Aprendizaxe-Servizo que finalizou este mércores, 12 de maio, co gallo do Día Internacional da Enfermaría, o alumnado participante dialogou previamente cos responsables do centro e das aulas, alén de desenvolver un cuestionario previo a partir do cal puideron deseñarse as diversas intervencións de concienciación de cara a alertar dos primeiros síntomas de adicción e/ou trastorno mental. REDAC.

Actividade
Proxecto de aprendizaxe

··· “Os estudantes que participan no proxecto de Aprendizaxe-Servizo traballan de maneira autónoma e motivados. Moito máis que en calquera outra actividade. Aquí non hai paternalismos, ninguén os leva da man”, explica Nuria García Couceiro. “Eles coñecen os obxectivos, os criterios de avaliación e saben que se teñen que enfrontar a unha aula con 25 alumnos de educación secundaria e un profesor. Ese é o reto. Non está en xogo unha nota”, sinala. A meta, conclúe a profesora, é que este proxecto poida perdurar ao longo dos cursos.

14 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito